O Concello da Coruña súmase na FIC á reivindicación das mulleres tecnólogas

xoves, 28 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

O Concello da Coruña quere pechar fileiras arredor do importante papel que despregaron, despregan e despregarán as mulleres no ámbito da informática e en todas as súas vertentes, mesmo (e sobre todo) nas máis avanzadas. Froito deste compromiso xorde o seu apoio ao evento Informática para tod@s, que se está a celebrar até mañá na FIC, no Campus de Elviña. Este respaldo activo do Concello materializarase en cousas concretas como a participación no programa da concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, que intervén este venres na apertura da segunda xornada.
O Concello, amais, salientou a importancia dos obxectivos do evento: “Impulsar o papel que desenvolven as mulleres dentro dun ámbito profesional tan masculinizado como o da tecnoloxía, un obxectivo que, dende o Goberno local, non podemos deixar de apoiar e visualizar".
Delso exporá na súa intervención, prevista para o día 29 ás 08.30 horas, algúns dos programas e iniciativas que se levan a cabo dende o Goberno local, como Coruña Hacks (que ofrece a posibilidade de colaborar na posta en marcha de proxectos baseados nas tecnoloxías libres, e que incidan na procura de solucións ou melloras sociais para a cidadanía), ou tamén Coruña Dixital, en colaboración coa área de Culturas, Deporte e Coñecemento, que ten como obxectivo conectar o tecido de entidades e colectivos da cidade que traballar en torno a novas prácticas culturais, creativas e sociais que se producen pola influencia do desenvolvemento e difusión das novas tecnoloxías.
Delso incidirá tamén en iniciativas para a actualización e introdución da tecnoloxía na administración pública, como é o caso da aplicación Millennium Próxima, que permite efectuar o pago no servizo de transporte público urbano, ou a aposta polo sector das novas tecnoloxías reflectido no compromiso do Goberno local no proxecto Cidade das TIC.
O evento, que ten lugar na Facultade de Informática da Universidade da Coruña, conta con charlas, conferencias, debates e unha feira de emprego. Toda a información está dispoñíbel na súa páxina web.

PUBLICIDADE