O Clúster da Auga e Política Lingüística presentan unha completa app sobre os nosos tesouros acuíferos

xoves, 19 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

Hoxe presentouse en Ourense unha aplicación para móbiles en galego sobre a nosa inxente riqueza acuífera e a necesidade non só de protexela senón tamén de mostrala ao mundo e tirar proveito dela dun xeito sustentábel e racional. A ferramenta foi dada a coñecer no salón Termatalia, 19 edición, polo Clúster da Auga Mineral e Termal de Galicia e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, colaboradora da iniciativa tecnolóxica. Na presentación participaron Benigno Amor e máis Valentín García, responsábeis das devanditas dúas entidades, respectivamente.
Amor fixo saber que a aplicación está dirixida “á valoración e protección dos acuíferos das augas minerais de Galicia” e que se trata dunha ferramenta moi axeitada para xeolocalizar os perímetros de protección dos diferentes acuíferos de augas minerais que existen na Comunidade, “de grande interese para planificadores do territorio e para as Administracións Públicas”, dixo, engadindo que a app posibilita recibir información diversa sobre os titulares da concesión do acuífero ou mesmo obter indicacións de como chegar aos mesmos, entre outras posibilidades. Amor tamén puxo o foco noutro dos obxectivos fundamentais desta contribución tecnolóxica: sensibilizar ás administracións, ás empresas, aos planificadores urbanísticos e á cidadanía sobre “a importancia de protexer os acuíferos de augas minerais e a contorna natural na que se sitúan as plantas envasadoras e os establecementos balnearios” .
Na presentación, como dixemos, tamén participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen lembrou que “a auga é unha das riquezas máis grandes que pode ter un territorio, e no noso caso, o caso galego, é moito máis que un elemento natural, moito máis que un recurso; é un elemento cultural, de consumo, de lecer e un polo de atracción turística”. O secretario xeral tamén enxalzou os esforzos do clúster por situar a nosa auga nas novas plataformas, e por facelo, tamén, en galego: “A auga ten que estar tamén nos circuítos comerciais na nosa lingua, é importante que vaian sempre collidas da man”.

PUBLICIDADE