O Clúster TIC Galicia achega formación de balde a traballadores en activo e desempregados

venres, 24 de febreiro do 2023 Lucía Villaverde

O Clúster TIC Galicia, en colaboración coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta, vén de lanzar un novo plan formativo, gratuíto e en liña, dirixido a traballadores por conta allea, autónomos e desempregados, co obxectivo de mellorar as súas competencias e habilidades dixitais en ámbitos como Intelixencia Artificial, ciberseguridade, Computación na Nube, análise de información a gran escala (Big Data), desenvolvemento e analítica web ou programación.
A programación está enmarcada dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e conta cun orzamento estimado de 2,2 millóns de euros, do cal xa están aprobados 668.846 euros, financiados polos fondos Next Generation da Unión Europea e canalizados a través do Ministerio de Educación e Formación Profesional e a Xunta de Galicia.
Esta convocatoria contempla preto de 90 cursos que se desenvolverán de marzo a novembro, coa perspectiva de chegar ao redor de 300 en total. As formacións impártense en dúas modalidades: a través de plataformas de teleformación (asíncrona) e por aula virtual en directo (síncrona). Con esta programación, ofrécese unha formación upskilling, reforzando as habilidades que xa teñen os traballadores en activo, e reskilling, para a adquisición de novas competencias por parte do alumnado que actualmente está á procura de emprego.
O obxectivo é que os empregados asuman distintas responsabilidades e funcións ou opten a outros postos dentro da súa empresa e, no caso das persoas desempregadas, que poidan reciclarse profesionalmente, adaptándose ao mundo laboral e aumentando as súas posibilidades de atopar traballo. Isto favorecería ao sector TIC galego, que precisa incorporar este tipo de profesionais para cubrir a demanda crecente das empresas.

PUBLICIDADE