O Club Financeiro de Vigo acolle este 30 de xaneiro a segunda edición de Encuentra TIC

xoves, 25 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

As redes da información están a incrementar en boa medida as posiblidades do traballo conxunto, entre particulares, entre institucións e entre empresas. Facer fincapé nesas posibilidades é o obxectivo da agrupación empresarial Ineo e o Foro da Sociedade da Información, que veñen precisamente de poñerse na vía do traballo conxunto, ombro con ombro, para organizar a segunda edición de Encuentra TIC, xuntanza tecnolóxica que se vai celebrar no Club Financeiro de Vigo o vindeiro martes 30 de xaneiro. O encontro, que se vai celebrar co título A cooperación como novo modelo de negocio no desenvolvemento de aplicacións, vai orientado a sentar os alicerces dunha plataforma que achegue máis e maiores encontros entre profesionais do sector das tecnoloxías. Esta xornada vaise estruturar en dúas partes: por unha banda temos unha primeira metade na que os responsables das empresas do sector en Vigo e no seu arredor presentarán as súas ferramentas e os seus logros en materia de colaboración en I+D. A segunda metade desenvolverase nunha serie de sesións de traballo en rede, co fin de “establecer contactos entre os participantes e que identifiquen posibles oportunidades de negocio conxuntas”. Podemos consultar o programa da xornada na web do CFV.