O Centro Príncipe Felipe achega unha base de datos para o deseño de fármacos libres

martes, 5 de maio do 2009 Fernando Sarasketa

A industria da farmacia, decote ligada de máis a si mesma e ao seu propio beneficio, pode aprender moito das liñas de traballo seguidas pola comunidade de deseñadores de software libre do mundo. Contribuír á unión de un mundo e outro (adoptando métodos da programación aberta para, logo, deseñar medicamentos máis xustos e accesibles) semella un dos obxectivos do novo proxecto do Centro de Investigación Príncipe Felipe (CIPF), unha base de datos para a creación de fármacos colectiva que se inspira, coma a proposta na que se integra, na filosofía Linux. A iniciativa, da que dá conta estes días o Centro Mancomún, forma parte dun marco máis amplo de colaboración, o que achega a Tropical Disease Initiative (obradoiro mundial para o deseño de medicamentos de código aberto para doenzas como a malaria, lepra ou tuberculose).
O labor do Centro de Investigación Príncipe Felipe semella ser en parte de soporte e marco tecnolóxico, facendo posible a peza que máis se require nun traballo comunicativo de calquera índole: ir á información ao momento e ter diálogo constante cos demais informadores-participantes. Esta peza non é outra cousa que a web www.tropicaldisease.org, un espazo dende o que calquera investigador do mundo pode descargarse os datos que precise sobre o proxecto e proseguir logo o seu traballo (datos xerados dende o CIPF).
A base desta iniciativa é contribuír a facer pola vía do software libre o que por outras máis convencionais (e estritamente empresariais) semella difícil: a creación de fármacos para doenzas que até o de agora non teñen cura. Segundo sinala o CIPF, o acceso libre ao coñecemento dende a Rede incrementa as opcións de acadar bos froitos no proceso de achado de novos fármacos para enfermidades de amplo alcance e fondura en países de escasos recursos. A gran baza do programación aberta e do tipo de traballo que xera, neste senso, é a posibilidade de reducir o custe e máis o tempo do proceso de descubrimento de fármacos. Por certo que o traballo do CIPF foi publicado nas revistas Nature Biotechnology e máis no PloS Neglected Tropical Diseases.
Segundo apunta o director do proxecto, Mar Marti-Renom, responsable da Unidade de Xenómica Estrutural, “a idea era conseguir que cheguen de xeito máis doado ao mercado produtos para lugares como África ou India e contra doenzas que afectan sobre todo a estas poboacións”.

PUBLICIDADE