O Centro Dinamización de Moaña acadou en outubro 30 novos usuarios/as

venres, 6 de novembro do 2009 Fernando Sarasketa

O Centro de Dinamización de Moaña vén de facer reconto dos logros acadados ao longo do mes de outubro no seu traballo a prol do afianzamento das novas tecnoloxías entre a sociedade galega, máis polo miúdo entre a cidadanía do dito concello. Así, informa, no mes que remata impartiu un total de 5 obradoiros tecnolóxicos, a través do que se formou a unhas 30 persoas e que se estenderon ao longo de 54 horas de aprendizaxe TIC. Os obradoiros impartidos ao longo do mes foron Alfabetización dixital: iniciación á Informática e Internet (en 3 ocasións), Iniciación á Informática e Iniciación a Internet.
Asemade, indican os responsables do Centro (pertencente á Rede de Dinamización da Sociedade da Información) 32 persoas inscribíronse como usuarios/as da Rede para poder aproveitar -de xeito gratuíto- as instalacións e todas as iniciativas que esta oferta.
A maiores, o Centro deu acubillo ao desenvolvemento da charla Opera co teu banco a través de Internet, na que as asistentes e os asistentes tiveron ocasión de descubrir un novo xeito de comunicarse e de operar coa súa entidade bancaria.