O Centro Demostrador TIC achega xa 67 eventos na súa canle de Livestream

luns, 3 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

O Centro Demostrador TIC da axencia AMTEGA comezou o mes de setembro informando polo miúdo de cuestións relativas ao novo regulamento de protección datos ou das vantaxes do Whastapp para o ámbito profesional. Máis polo miúdo, o centro publicou as gravacións das últimas sesións de #DemosXWeb, nas que se achegou coñecemento práctico sobre as devanditas cuestións e tamén se incidiu noutros temas como por exemplo as subvencións que están ao noso alcance para mellorar o ERP (sistemas de planificación de recursos empresariais). Estas sesións foron seguidas en directo polos nosos profesionais, que tiveron marxe para interactuar cos relatores na quenda de preguntas.
Para quen non o saiba, #DemosXWeb consiste no fornecemento de sesións demostrativas dunha hora que se retransmiten de maneira exclusiva por streaming. Nelas participan provedores TIC galegos expoñendo os beneficios de servizos dixitais concretos para optimizar os procesos internos das empresas, incrementar as vendas, mellorar a relación cos clientes, maximizar a produtividade ou afinar a presenza da empresa en Internet ou nas redes sociais.
Ademais, en palabras de AMTEGA, DemosXWeb é un escaparate para aquelas empresas e profesionais do sector TIC galego que poden amosar as súas solucións a potenciais clientes ou usuarios das mesmas. E todo coa vantaxe de non contaren con límite de prazas, que é unha característica propia das sesións presencias.
Coas contribucións máis recentes sobre ERP, protección de datos e posibilidades do Whatsapp, o Centro Demostrador TIC da axencia AMTEGA acumula xa máis de 16.000 reproducións das súas sesións transmitidas por streaming. En termos máis concretos, a canle de Livestream do CDTIC chegou aos 67 eventos e 16.363 reproducións. En datas vindeiras, a canle da axencia AMTEGA en Youtube recollerá estes recursos audiovisuais.
As sesións de #DemosXWeb continuarán o 20 de setembro baixo o título Aproveita as vantaxes de Joomla para desenvolver as túas webs, que será transmitida en horario de 09:30 a 10:15h. A segunda sesión programada, Innovación aplicada á xestión enerxética: Solución CO2st-TEM, celébrase o 28 de setembro no mesmo horario.