O CPETIG busca concienciar sobre o uso seguro das redes sociais por parte dos menores a través dunhas xornadas

martes, 18 de xuño do 2013 Redacción

As xornadas sobre uso de redes sociais entre os menores organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) principiaron o seu desenvolvemento esta tarde no Centro Demostrador TIC en Santiago de Compostela, actividade que ten como obxectivo sensibilizar a pais e profesores sobre os principais riscos derivados dun uso non axeitado das ferramentas tecnolóxicas e proporcionarlles os recursos necesarios para axudarlles na prevención destes ou minimizar as súas consecuencias.
O ciclo, organizado no marco dun convenio asinado entre o CPETIG e AMTEGA, continuará mañá de 18:00 a 20:00 horas no Salón de Actos da Fundación Paideia na Coruña e seguirá o xoves de 17:30 a 19:30 horas no Centro de Desenvolvemento Novacaixagalicia en Ourense.
Os conferenciantes escollidos para participar nestas xornadas destacan, tanto polo seu coñecemento da materia como pola pluralidade dos enfoques dos seus relatorios, que permitirán aos participantes abordar o tema do uso seguro das redes sociais dos menores dende distintas ópticas.
Nas xornadas participarán como relatores a User Support & Translations Manager de Tuenti, María de Sousa-Valadas Castaño, que falará da rede social para a que traballa centrando a súa intervención nas políticas de privacidade e de seguridade.
Tamén participará o responsable do Equipo de Delincuencia Tecnolóxica da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, Gonzalo Sotelo, que ofrecerá o relatorio Menores e Novas Tecnoloxías: benvidos ao deserto do real, no que explicará as novas figuras delituosas vinculadas ao uso das redes sociais, así como ao traballo de investigación policial que se realiza nestes casos.
A terceira relatora será a Fiscal Delegada de Criminalidade Informática na Provincia de Pontevedra, Marta García de la Concha Álvarez, que abordará a temática do menor como vítima ou responsable de delitos a través de Internet. Na charla afondará na responsabilidade penal dos menores de idade, así como na responsabilidade civil solidaria de pais e titores.
Por último, as xornadas contarán coa participación da Diplomada en Informática e colexiada do CPETIG, Rosario Soltero Mayor, que dará unha serie de consellos técnicos para facer un uso seguro das redes sociais.

PUBLICIDADE