O COETG participa na xornada sobre Aceptación Universal de PuntoGal e a ICANN

mércores, 10 de abril do 2024 S. P.

Este xoves 11 de abril ás 11 horas celébrase na nosa terra (dende a EE de Telecomunicación da UVigo) unha xornada informativa e de concienciación sobre a UA (Universal Acceptance ou Aceptación Universal), dentro do programa mundial da ICANN (Corporación de Internet para a Asignación de Nomes e Números) para ampliar as facilidades de acceso á Rede a toda a poboación, sen distinción de lingua ou sistema de escritura. O UADay desenvolverase en máis de 50 actos en todo o mundo (o listado completo pode consultarse en universalacceptance.day). A cita galega vén da man da Asociación PuntoGal e a ICANN, co apoio do Colexio e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG), a través do colexiado e enxeñeiro Javier Fernández Fraga.
Para quen descoñeza de que falamos ao referírmonos a Aceptación Universal, dicir que é un termo que vai ligado á capacidade de sistemas informáticos, aplicacións e plataformas en liña para recoñecer e tratar axeitadamente calquera tipo de información ou contido, independentemente da súa orixe, formato ou idioma. Dito doutro xeito, implica que as tecnoloxías deberían ser deseñadas e implementadas de xeito que poidan xestionar e interpretar sen problemas caracteres, símbolos e estruturas de datos de diferentes culturas e linguas. A UA resulta fundamental para asegurar a accesibilidade e a equidade dixital, garantindo que todas as persoas, independentemente da súa procedencia ou idioma, poidan participar plenamente no mundo dixital.
Indo ao encontro do 11 de abril, informar que participarán: Rebeca Pilar Díaz Redondo, directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo; Camilo Regueiro, vicepresidentede PuntoGal; Edita de Lorenzo, profesora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da UVigo e Javier Fernández Fraga, do Colexio de Enxeñeiros en Telecomunicación de Galicia. Asemade, tamén intervirá Andrea Becalli, de ICANN, o organismo que promove o UADay en todo o mundo.
A xornada terá lugar o xoves 11 de abril na Sala de Xuntas da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo (Rúa Maxwell, 16, 36310 Vigo), ás 11 horas da mañá. Terá formato híbrido, de xeito que se poderá asistir tamén de xeito remoto. En calquera caso, será preciso inscribirse na ligazón habilitada.
En canto á Aceptación Universal, Javier Fernández Fraga, do COET, afirma que "Internet ofrece unha oportunidade única para unir a xente de diferentes partes do mundo e compartir ideas e experiencias, pero para facelo construtivo e enriquecedor é fundamental promover unha interoperatividade de sistemas que fomente un entorno en liña inclusivo. A través da aceptación universal, creamos unha comunidade onde todas as voces son valoradas en igualdade. A nós, como enxeñeiros, correspóndenos facilitalo".
Edita de Lorenzo comenta sobre a Aceptación Universal que "se as telecomunicacións teñen sentido e por e para a interacción entre persoas, polo que é esencial promover o respecto á diversidade de opinións, culturas e identidades. No caso da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, transmitimos estes valores a diario, e a aceptación universal é un xeito de aplicalos no traballo. Ademais, isto será unha vantaxe competitiva para os produtos e solucións desenvolvidos polas enxeñeiras e enxeñeiros titulados nun mercado cada vez máis globalizado."
Segundo o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, a celebración deste evento “é un paso máis no compromiso do dominio cunha rede aberta a todas as culturas e linguas e co posicionamento do dominio como un actor de referencia no ámbito TIC en Galicia”. Xunto con outras iniciativas, como as colaboracións coa GlobalCyberAlliance, as WomenforCyber ou o nodo de ciberseguridade galego CIBER.gal, o dominio galego “exerce un papel relevante como parte da infraestrutura da rede, sen esquecer o apoio a proxectos no ámbito do seu programa corporativo”.

PUBLICIDADE