O CITIC traballa no fornecemento do tecido empresarial galego
mércores, 10 de xullo do 2013
As capacidades do Centro
de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC)
puxéronse de novo de manifesto en dúas das súas Áreas Tecnolóxicas: Sistemas
Distribuídos e Arquitecturas orientadas a servizos xunto a Media en Rede e
Fogar Dixital. As investigacións realizadas nestes campos culminaron en dous
relevantes proxectos que, entre outros beneficios, supoñen un grande aforro de
custos, ademais de ofrecer novos servizos ás empresas que repercutirán sobre a
sociedade en xeral.
PROWESS: Mellora e garantía de calidade para servizos web
Dentro da Área Tecnolóxica Sistemas
Distribuídos e Arquitecturas orientadas a servizos do Centro, varios dos
seus investigadores encabezados por Laura Castro están participando no
proxecto europeo PROWESS, no que tamén se inclúen outras empresas, centros de
investigación e universidades de Reino Unido, España e Suecia.
O obxectivo de PROWESS é proporcionar ás empresas de software ferramentas e
técnicas que lles permitan someter os seus produtos a un proceso de proba
sistemático e eficiente, de maneira que se mellore e garanta a eficacia dos
seus produtos antes de que sexan postos a disposición dos usuarios. A través
deste proxecto, os investigadores do CITIC colaboran con empresas desenvolvedoras
de software no ámbito dos servizos web e as aplicacións de Internet
contribuíndo a mellorar a súa calidade e competitividade.
Segundo Laura Castro, investigadora do CITIC inmersa no proxecto PROWESS, “estas probas previas son vitais e cada día
reciben unha maior atención xa que as empresas comezan a ser conscientes de que
construír software de calidade non pasa por realizar maiores investimentos de
diñeiro ou tempo en probas que non son efectivas; o que se necesita realmente
son procesos e ferramentas de proba que realmente atopen os erros no software
de xeito rápido e, de ser posible, automático. Os desenvolvedores de software
normalmente gozan facendo software, e non tanto probándoo, pero probalo é
esencial para garantir que todo funciona como se espera antes de que chegue aos
usuarios”.
Syntheractive: novas experiencias no mundo da televisión
Doutra banda, o área Tecnolóxica Media en
Rede e Fogar Digital do CITIC desenvolveu Syntheractive, proxecto do equipo de
investigadores coordinado por Miguel Barreiro que revoluciona o mundo da
televisión, ofrecendo novas experiencias ao usuario, servizos e aforro de
custos para os operadores.
A tecnoloxía empregada para o desenvolvemento de Syntheractive consiste nun
motor de aplicacións para televisión que se aloxa en remoto e que é válida para
calquera televisor conectado ou dispositivos como tablets ou smartphones.
Mediante este proxecto accédese a aplicacións moito máis complexas sen que os
usuarios teñan a necesidade de instalar ningún aparello.
Para Miguel Barreiro, “os beneficios que
aporta Syntheractive diríxense nunha dobre vía: por unha banda, para os
operadores que o incorporen. Non só polo aumento da súa oferta, tamén polo aforro
de custos que supón xa que ao estar aloxado na nube, todas as actualizacións
que se realizan se acometen de xeito automático, non hai que cambiar equipos,
nin cableado nin ningún tipo de soporte físico; e por outra, para os usuarios
que ademais de contar cun servizo de lecer e información que inclúe mosaicos de
canles interactivos en 3D, xogos en alta resolución, poden desde ver un partido
de fútbol en grupo cos seus amigos, consultar revistas, facer procuras
inmediatas de canles ou, ata, pode incorporar aplicacións sanitarias para
seguimentos médicos ou telepresencia”.
Con estes proxectos o CITIC amosa o seu potencial de investigación en sectores
tan dispares como o fogar ou os servizos en Internet, en liña co seu obxectivo
de representar un punto de encontro entre a Universidade e a Empresa,
fomentando a transferencia de coñecemento.
Axudas do programa de consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas: Agrupación Estratéxica CITIC (CN2012/211). Cofinanciado por::

