O CITIC participa na Mobile Week Coruña con obradoiros para a rapazada
xoves, 25 de outubro do 2018
A
Coruña vai ser este mes de novembro, entre os días 21 e 28, un
fervedoiro de profesionais, empresarios e usuarios de novas
tecnoloxías de todo o mundo. A razón? Pois non é outra que o
desenvolvemento da primeira convocatoria da Mobile
Week Coruña, organizada pola Fundación Mobile World Capital
Barcelona (involucrada na organización do Mobile World Congress).
Entre os participantes de tan relevante acontecemento atópase o
Centro de Investigación TIC (CITIC), con sede no Campus de Elviña,
que organizará unha serie de actividades creativas e interactivas de
robótica para nenas e nenos.
Segundo
lembra o CITIC, o evento MWeekCoruña será unha boa oportunidade
para albiscar as tendencias futuras do desenvolvemento dixital en
todas as súas vertentes, e tamén para incrementar a colaboración
multidisciplinar entre profesionais de toda índole (artistas,
científicos, filósofos, enxeñeiros e profesionais da industria)
arredor das tecnoloxías e da ciencia.
As
actividades nas que participa o CITIC son as seguintes:
·
22 de novembro. mWeek Kids: Obradoiros de robótica dirixidos
a nenos de 3º de primaria do CEIP Eusebio da Garda da Coruña.
·
23 de novembro. mWeek Kids: Obradoiros de robótica dirixidos
a nenos de 3º de primaria do CEIP PP. Escolapios da Coruña.
Segundo
informa o Centro de Investigación TIC da UDC, nos talleres de
robótica a rapazada terá a oportunidade de coñecer algúns dos
avances levados a cabos neste ámbito e probalos en primeira persoa a
través de diferentes xogos, co obxectivo de achegar as novas
tecnoloxías aos máis pequenos e espertar o interese por elas.
·
24 de novembro. mWeek Kids: Conxuntamente coa operadora
realizaranse os talleres Crea R.
Para
nenas e nenos de 9 e 10 anos, ás 10.30 h nas instalacións do CITIC.
Para
nenas e nenos de 7 e 8 anos, ás 12.30 h nas instalacións do CITIC.
Para
nenas e nenos de 9 e 10 anos e unha charla para nais e pais de
maneira paralela, ás 17.00 h nas instalacións do CITIC.
·
26 de novembro. mWeek Labs: Como construír modelos de
Intelixencia Artificial para Móbiles e IoT. Xunto con Accenture
Dixital, realizarase un taller nas instalacións do CITIC no que as e
os participantes poderán adquirir unha visión global sobre a estado
da arte dos sistemas intelixentes, construír un clasificador de
imaxes, etc.
Máis
detalles do acontecemento
A
programación de Mobile Week Coruña inclúe distintos actos de
carácter transversal, de balde e para todos os públicos, e que se
desenvolverán en máis de 20 espazos distintos entre o termo
municipal, a Área Metropolitana e Compostela, na Cidade da Cultura.
Haberá relatorios, mesas redondas, demostracións, exposicións de
arte, obradoiros e xornadas infantís, entre outras accións.
A
iniciativa divide o seu programa en catro eixos de actividade: mWeek
TALKS (un ágora de debate para reflexionar sobre como a
revolución dixital inflúe na vida das persoas), mWeek LAB
(demostracións e talleres de cultura, tecnoloxía, robótica e
ciencia), mWeek KIDS (actividades para toda a familia) e,
por último, mWeek GALLERY (un programa cultural paralelo
organizado en colaboración con entidades do territorio que derivará
en visitas guiadas e exposicións artísticas).
