O CINAE quere previr lumes e pragas de invasoras coa información subministrada polos drons
mércores, 21 de xuño do 2017

- Aguado, Mato, Silva e Castro, no Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra
Os
drons comezan a ser xa, puidémolo ver na dramática vaga de lumes
que asola estes días a Portugal, instrumentos de uso moi eficaces
para analizar a devastación xerada polos incendios forestais (que se
destruíu, cales foron as causas, como actuar en datas vindeiras para
evitar este tipo de situacións). Pero, e se tamén lles tiráramos
partido para previlos ou para controlar que haxa menos especies
invasoras das que hai? Cara
a este punto de loita directa queren dirixirse as investigadoras e
investigadores do CINAE (Centro de Innovación Aeroespacial de
Galicia), que anunciaron que van desenvolver “unha tecnoloxía
que permita traducir as imaxes captadas por vehículos aéreos non
tripulados en información coa que traballar na detección e no
seguimento de especies invasoras, así como na detección de posibles
factores de risco de lumes forestais”. O proxecto vai ser posible
grazas a un convenio asinado onte coa Deputación de Pontevedra.
Segundo
fai saber a Universidade de Vigo, da que depende o CINAE, a
iniciativa terá unha duración de dous anos e contempla o
investimento de 170.000 euros. Participaron na formalización do
acordo reitor da Universidade de Vigo e presidente do padroado do
CINAE, Salustiano Mato, a presidenta da institución provincial,
Carmela Silva,o director xeral do CINAE, Antonio Castro; o director
técnico da Fundación CINAE, o profesor Fernando Aguado, e o
responsable da súa Área de Sistemas non Tripulados, o investigador
da Universidade Higinio González. Segundo fixeron saber, amais dos
ditos obxectivos, o convenio permitirá cousas como “comezar a
facer un inventario” das forestas con maior grao de
combustibilidade e así “poder actuar dunha forma máis efectiva”.
Tal
e como explicou González, trátase dun “proxecto piloto que, a
través dos vehículos aéreos non tripulados, realizará unha serie
de campañas sobre unhas zonas da xeografía de Pontevedra,
seleccionadas de acordo cos técnicos da Deputación”. Nelas,
sinalou, “realizarase o traballo de campo dun proxecto que ten como
eixo a xeorreferenciación e procesado das imaxes obtidas polos
drons, co propósito de que dea como resultado unha información que
o usuario poida entender”, como por exemplo, “o número de
hectáreas afectadas por unha determinada planta e como este vai
mudando ao longo do tempo”.
O obxectivo final, apuntou,
e desenvolver “metodoloxías de traballo aplicables a outras áreas
do territorio durante períodos de tempo máis grandes”, a través
da automatización dese procesado da información recollida nas
imaxes e aproveitando recursos como a alta resolución espacial dos
datos que pode obterse a través dos sistemas aéreos non
tripulados.
O convenio asinado abrangue tanto o
desenvolvemento destas tecnoloxías de procesado de datos, como poñer
a disposición dos técnicos da Deputación das imaxes obtidas, así
como colaborar en accións mitigadoras dos efectos dos lumes
forestais, ao igual que o desenvolvemento de actividades divulgativas
destas tecnoloxías.
