O CETIM investiga as futuras baterías de Li-ion para impulsar a mobilidade intelixente

mércores, 13 de xaneiro do 2021 Sandra Rivadulla

O pasado 27 de novembro, o Centro Tecnolóxico CETIM, con sede en Culleredo, resolvía o programa de Misións CTDI, destinado a financiar grandes iniciativas estratéxicas de I+D empresarial en retos claves para o futuro de España. Así, o CETIM investigará o uso de materiais estratéxicos en baterías de ion – litio de alta densidade enerxética para a electromobilidade sustentábel.
O proxecto LiOn-HD está impulsado por 8 empresas intensivas en I+D e punteiras nos seus sectores. O liderado do proxecto corresponde ó Grupo Silicio Ferrosolar e participan empresas como Química del Nalón, Nanoker, Rimsa, ABCRLabs, Graphenea, Cuantum e Hi-iberia. Doutra banda colaboran 9 organismos de investigación, dos que sobresaen o propio CETIM, o CIDETEC e as universidades de A Coruña, Santiago, Alacante, a Autónoma de Barcelona, e 3 centros adscritos ao Consello Superior de Investigacións. O proxecto conta ademais co apoio de empresas e entidades como o Grupo PSA, a organización Energy Materials Industrial Research Initiative (EMIRI), o Instituto Enerxético de Galicia e a Axencia Galega de Innovación (GAIN).
Os obxectivos principais son lograr mellores rendementos enerxéticos, vida útil e fiabilidade sobresaliente, maior seguridade e sustentabilidade medioambiental, ademais dunha produción a gran escala que sexa produtiva. En concreto, a iniciativa LiOn – HD nace co fin de mellorar a densidade enerxética, o custe e a rendibilidade das baterías ion – litio a través de innovadoras investigacións en materiais activos e inactivos avanzados. Tamén nas súas combinacións enerxéticas para diferentes compoñentes da electroquímica, superando os límites actuais. Deste xeito, facilitaríase a evolución e transformación do sector de transporte cara a sustentabilidade, a descarbonización e a redución de emisións, centrándose sobre todo na mobilidade autónoma e na electromobilidade.
O Centro Tecnolóxico CETIM participa no deseño de novos electrolitos. En concreto, investiga en aditivos electrolíticos e electrolitos semisólidos (xel) de cuarta xeración para a mellora de compatibilidade electroquímica e interfacial do electrolito. A maiores, os binders poliméricos son un importante punto de innovación ao tratar de substituír os convencionalmente empregados a través das novas alternativas e a integridade dos materiais activos estudados no ánodo. Por último, o CETIM desenvolve tamén a análise económica e medioambiental que poidan aseverar a viabilidade técnica, medioambiental e comercial dos materiais e tecnoloxías alcanzados.

PUBLICIDADE