O CESGA traballa nun programa que mellorará a empregabilidade dos mozos que sufriron cancro na nenez

venres, 2 de xaneiro do 2015 Redacción

O pasado 19 de novembro celebrouse en Sofía, Bulgaria, a reunión de arranque dun novo proxecto do CESGA na área de e-learning no ámbito da saúde, participado polo propio Centro de Supercomputación de Galicia e coordinado por Catro, unha empresa de consultoría e formación búlgara. O proxecto denomínase Create Your Future e, segundo informa o CESGA, está orientado á creación dun programa personalizado e flexible para a orientación e formación dos mozos (15-25 anos) que sufrisen cancro na súa nenez. Este programa terá en conta as súas necesidades específicas, limitacións e as posibles secuelas físicas e/ou psicolóxicas que deixa a enfermidade, co obxectivo de mellorar o seu empregabilidade.
Create your Future é un proxecto dentro do programa Erasmus+, financiado pola Axencia Nacional Erasmus+ de Bulgaria, e ten unha duración de tres anos, até finais de agosto de 2017. Conta cun orzamento global de 312.953 euros. O consorcio está formado por 7 entidades en Bulgaria, Austria, España e Grecia e reúne a profesores e investigadores de universidades e institucións de educación continua, asociacións de familias de doentes de cancro e máis ao CESGA como institución tecnolóxica. Na parte galega, tamén participa persoal investigador do grupo de tecnoloxía educativa da facultade de pedagoxía da USC.
Este proxecto, explica o CESGA, parte da experiencia previa dun programa dirixido a nenos sobreviventes de cancro, chamado Mocidade e Futuro e existente en Austria, que durante anos traballou con pacientes novos con cancro para proporcionarlles a motivación para adquirir novas habilidades para a súa integración no mercado laboral, e identificar melloras reais nos seus programas de formación e perspectivas de traballo. Asemade, lembrar que varios dos socios participantes neste proxecto, CESGA, USC e Die Berater en Austria, participaron nunha iniciativa anterior, o Proxecto e-Hospital, onde se deseñaron e avaliaron propostas de formación mediante aprendizaxe a distancia a doentes adultos hospitalizados de longa duración. Un dos colectivos cos que se traballou neste proxecto foi o de mozos enfermos de cancro. Neste novo proxecto preténdese aplicar as leccións aprendidas en e-Hospital no uso das novas tecnoloxías aplicadas á aprendizaxe e soporte aos mozos pacientes unha vez que deixan o centro de saúde.
Pola banda española, ademais do CESGA e a USC, que participan como membros do consorcio do proxecto, a Federación Española de Pais de nenos con cancro, que agrupa a 16 asociacións en todo o país, contribuirá de forma activa no mesmo, achegando a visión e experiencia do colectivo de usuarios en España.
O proxecto aínda non ten unha páxina oficial. As persoas interesadas na iniciativa, poden obter máis información a través da conta e-learning@cesga.es, na web do CESGA ou nos sitios do centro nas redes sociais.

PUBLICIDADE