O CDTIC e Compostela Monumental convértennos en expertos en eAdministración

mércores, 13 de maio do 2020 S. P.

A Asociación de Comerciantes, Empresarios e Profesionais CCA Compostela Monumental, en colaboración co Centro Demostrador TIC de Galicia, ente público pertencente á Xunta de Galicia (AMTEGA), levarán a cabo este xoves 14 de maio a charla moi indicada para equiparnos de máis recursos tecnolóxicos ante un desafío ben concreto: o reto de relacionarnos plenamente coas administracións públicas sen que medie actividade presencial. Ou sexa, a través das ferramentas da Administración Electrónica (eAdministración). A charla Claves para realizar as túas xestións sen desprazamentos e de forma segura será impartida en streaming por Computer 3.
O programa previsto da devandita charla inclúe os seguintes bloques temáticos: certificados dixitais (a xestión online e o control en tempo real), sinatura electrónica (como garantir a validez legal dos documentos asinados) e xestión de notificacións electrónicas (PortalNeos, a ferramentas que permite xestionar de maneira automática as notificacións electrónicas das administracións públicas dende un único punto e só cun clic).
O inicio da charla será ás 10:00 horas do xoves 14 e terá unha duración de 45 minutos. Quen desexe inscribirse deberá facelo a través da web do CDTIC.

PUBLICIDADE