O CDTIC acolle ata o remate do ano un ciclo de seminarios sobre ferramentas empresariais de software libre

luns, 21 de outubro do 2013 Redacción

A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL), logo do seu chamamento recente a prol de pecharmos fileiras arredor da programación aberta (inzada de vantaxes para o noso tecido empresarial e para os usuarios de a pé) e de presentar a súa folla de ruta open source para autónomos, segue a subir chanzos na escaleira cara a universalización do software libre. Ao abeiro disto sitúanse as citas cos profesionais e as empresas da nosa terra previstas para os vindeiros meses no Centro Demostrador TIC, organizadas por AMTEGA. Serán en total oito xornadas de 4 horas de duración cada unha, a desenvolver ata o remate do ano.
Como dixemos, este ciclo de seminarios prácticos de solucións empresariais en software libre vén da man da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e contan coa colaboración co Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL). Segundo informa a primeira entidade, o ciclo insírese na estratexia da Xunta de promoción do código aberto no ámbito empresarial e está dirixido ás pequenas e medianas empresas galegas (PEME). Os profesionais interesados en asistir poderán coñecer de forma práctica as vantaxes do uso de sistemas de xestión empresarial, de relacións cos clientes, xestión documental, xestión de contidos, comercio electrónico, xestión de rede, computación na nube e traballo en grupo. A asistencia a estes seminarios é totalmente gratuíta, ficando só limitada pola capacidade da sala e previa inscrición en liña a través da web do CDTIC.
O ciclo acubillará unha primeira parte de introdución á temática, ás utilidades da solución TIC presentada para as empresas, ás alternativas en software libre e aos criterios para seleccionar a mellor solución e provedor. Máis adiante, realizarase unha demostración práctica dun caso de éxito dunha das solucións libres expostas. Segundo informa AMTEGA, “esta actuación comparte os obxectivos doutras dúas iniciativas postas en marcha recentemente, a Guía de solucións TIC en Software Libre para profesionais autónomos e o Programa de Asesores Tecnolóxicos”. Tanto nun caso como noutro búscase promover que as empresas e profesionais galegos sexan quen de empregar as TIC para ser máis eficientes, aumentar a súa produtividade e innovar. “Con este ciclo de seminarios”, explica a Axencia, “vaise un paso máis alá, xa que o seu obxectivo é achegar dun xeito totalmente práctico as funcionalidades e vantaxes das diferentes solucións tecnolóxicas ao noso sector produtivo; deste xeito os empresarios poderán coñecer a través dunha breve introdución teórica, e dun caso de éxito como poderían mellorar na súa xestión, optimizar os seus procesos e por tanto ser máis eficientes e incrementar os seus resultados”. A continuación damos conta das actividades previstas e as súas datas.
·Tenda en liña con software libre . Caso práctico: Traballar cunha Tenda en liña Libre. PrestaShop. 29 de Outubro
· Xestión de contidos con software libre. Caso práctico: Traballar cun Sistema de Xestión de Contidos (CMS) Libre. Joomla. 7 novembro
· Xestión de clientes con software libre. Caso práctico: Traballar cun Sistema de Xestión de Clientes (CRM) Libre. SugarCRM. 12 de Novembro
· Xestión dunha rede empresarial con software libre. Caso práctico: Zentyal. 14 de novembro
· Almacenamento na nube con Cloud computing con software libre. Caso práctico: OwnCloud. 19 de novembro
· Xestión integral de empresa con software libre. Caso práctico: Traballar cun Sistema de Xestión Empresarial (ERP) Libre. OpenERP. 21 de novembro
· Ferramentas de traballo en grupo con software libre. Caso práctico: Traballar cunha Ferramenta de Traballo en Grupo Libre.E-Groupware. 25 de novembro
· Xestión documental con software libre. Caso práctico: Traballar cun Sistema de Xestión Documental (DMS) Libre. Alfresco. 26 de novembro
Este ciclo de seminarios enmárcase dentro do Plan de acción en Software Libre do ano 2013, e desenvólvese en colaboración entre o Centro Demostrador TIC, a Oficina de Coordinación de Software Libre e AGASOL.