O CCG engade a entrada de Avelino Gómez Ledo ao Álbum de Galicia

venres, 19 de febreiro do 2021 Sandra Rivadulla

Avelino Gómez Ledo naceu en Chantada pero pasou gran parte da súa vida en Madrid. Destacou polo cultivo de poesía e pola tradución ao galego dos clásicos grecolatinos. De feito, en 1964 publicou Os catro libros das Xeórxicas, e en 1973, Escolma de poetas líricos gregos e latinos voltos en lingoaxe galego; ambas obras foron publicados polo Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. Ademais, pertenceu a Real Academia Galega e foi colaborador nas revistas Nós e Logos. Por iso, a súa entrada vén de ser incorporada ao Álbum de Galicia, o acubillo online de grandes persoeiros da nosa terra que elabora o Consello da Cultura Galega.
O Álbum está formado por unha colección dixital de biografías de galegas e galegos que destacaron en varios ámbitos, como na ciencia, na cultura ou na empresa. O que se pretende é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia, xa que a gran maioría seguen a ser descoñecidos.
As biografía do Álbum de Galicia contan con materiais documentais, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, así como a produción intelectual existente sobres estas. Doutra banda, o Álbum permite analizar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega.

PUBLICIDADE