Numerosas cámaras de 360 graos estarán certificadas para Google Street View

mércores, 10 de maio do 2017 Marcus Fernández

O popular servizo de Google Street View recolle rúas de todo o mundo en 360 graos para facilitar que poidamos exploralas como se estivésemos alí dende a comodidade do noso ordenador ou do noso smartphone, rexistrándose esas imaxes a través de vehículos de Google equipados con cámaras especiais e outros sensores, pero dende hai un tempo tamén é posible realizar contribucións particulares, principalmente a través de fotógrafos autorizados que principalmente engaden aos mapas de Google a posibilidade de realizar visitas virtuais a locais que os contraten. Pero os usuarios particulares tamén podemos realizar esta tarefa dun xeito doado, de aí que Google estea a dar conta de que podemos percorrer lugares do noso interese e achegar imaxes envolventes dos mesmos para que outros poidan explorar eses paraxes virtualmente, o que non ten por que ser unha tarefa complexa dende que temos dispoñible no mercado numerosas cámaras de 360 graos.
Veñen de anunciar que no que resta de ano xa está confirmado o lanzamento de 20 novas cámaras de 360 graos certificadas para Street View, existindo moitas outras xa compatibles, de xeito que chega con empregar a aplicación de Street View e seguir os pasos que indica en pantalla para poder facer as nosas propias contribucións, ou sexa, que incluso podemos cargar as imaxes directamente dende o smartphone.
Adicionalmente tamén existen cámaras para vehículos que están preparadas para subir as súas imaxes a Street View, sistemas de realidade virtual que tamén rexistran a información necesaria para xerar as imaxes de 360 graos que logo visualizamos en Street View e incluso hai diferentes aplicacións (en moitos casos incluídas coas cámaras) que facilitan a achega das nosas imaxes en 360 graos para a súa integración en Street View.
Neste momento as compañías que terían cámaras e software que facilitan a publicación de imaxes en 360 graos en Street View serían Giroptic, NCTech Ltd., 360Fly, KenXen, Sphericam, Z CAM, Insta360, Matterport, InsideMaps, Samsung, GoPro, HumanEyes Tech., iGuide, GoThru, Garden Gnome e Panoskin/LCP360.

PUBLICIDADE