Novo impulso á Cidade das TIC coa constitución da sociedade de xestión compartida
mércores, 21 de xullo do 2021
O Concello da Coruña, a Deputación, a UDC e a
Xunta (IGAPE) achegaron esta semana máis detalles sobre o proxecto
para converter a antiga Fábrica de Armas da cidade na Cidade das
TIC, un proxecto que conta xa cun marco de xestión compartida, amais
dun investimento notábel. As ditas entidades destinarán á
iniciativa unha contía de 180.000 euros. O
Goberno local, a través do concelleiro de Economía José Manuel
Lage, fixo saber que achegará 75.600 euros ao proxecto, o 40% do
mesmo.
Na tarde deste 20 de xullo a Deputación aprobou o
convenio da xestión compartida cos votos a favor de PP, PSOE e BNG e
a abstención da Marea (un convenio que o Goberno local elevará a
Xunta de Goberno local) e que ten por obxecto “sentar as bases da
colaboración entre as partes para dinamizaren a construción e
dotación da Cidade das TIC, de xeito que se poida materializar no
menor espazo de tempo posíbel”.
Segundo fixo saber Lage, “tanto a alcaldesa Inés
Rey como presidente provincial Valentín Formoso apostaron desde o
primeiro día polo proxecto que capitaneou Julio Abalde desde a
Universidade. Agora estamos dando os pasos necesarios para constituír
a sociedade de xestión da Cidade das TIC e coa aprobación deste
convenio por parte de todas as institucións impulsaremos o plan
director". O edil engadiu que a estrutura de gobernanza
formalizarase a través dunha sociedade pública en que se integrarán
todas as institucións públicas que poden contribuír tanto na fase
dos investimentos iniciais como en fases posteriores.
Como dixemos, o orzamento para a execución das
actuacións previstas no presente convenio é de 180.000 euros, dos
que o Concello aportará case a metade cun total de 75.600 euros, o
que representa o 42% do total. O IGAPE financiará a Cidade das TIC
con 36.000 euros, o que supón o 20% e idéntica cantidade será
aportada pola Deputación. A UDC destinará unha achega máxima de
30.600 euros (o 17%) e o Clúster achegará 1.800 euros (o 1%).
Lage explicou que co plan director poderase
analizar o contexto tecnolóxico, social, cultural e normativo en que
se encadra a Cidade das TIC e mais avaliar a contribución desta
infraestrutura particular tanto para o sector como para o conxunto
dos sectores produtivos que teñen nas tecnoloxías a súa principal
ferramenta de innovación e competitividade. “Como resultado”,
dixo, “obterase un plan estratéxico que resumirá o fin e a misión
da Cidade das TIC así como os seus obxectivos a curto e medio prazo,
unha planificación das actuacións e investimentos a realizar na
posta en marcha do complexo nos próximos anos e un plan de xestión
da cidade e das súas infraestruturas, co deseño dun modelo de
negocio sustentable e un plan de sustentabilidade
económico-financeiro”.
Por outra banda, constituirase a nova sociedade
xestora da Cidade das TIC e cuantificaranse as achegas económicas
por parte das administracións públicas que a integran. No marco
desta actuación estudaranse as diferentes fórmulas xurídicas de
interese e tramitaranse os diferentes pasos de cara a constitución
da sociedade pública: elaboración do plan de actuación, estatutos,
xestión da inscrición ante o rexistro e notaría.