Novo especial de A Voz de Vilalba en formato dixital e papel
venres, 2 de xullo do 2010
O medio dixital A Voz de Vilalba, un dos máis activos na defensa do galego nas redes, vén de informar da inminente saída do prelo do seu novo número especial en formato papel e dixital. Poderemos atopar a nova achega dende o domingo na rúa ou ben descargala dende o propio medio, en pdf. Como nas anteriores edicións, informan os amigos de A Voz de Vilalba, as súas páxinas farán un percorrido pola polémica aberta sobre a lingua, “en consonancia coa liña editorial deste medio especializado na nosa cultura”.
Cómpre lembrar que o xornal está promovido pola asociación cultural que leva o nome do medio de comunicación chairego, e que terá unha tiraxe de 2.000 exemplares, a distribuír polos distintos concellos da dita bisbarra e nalgunhas cidades galegas como Lugo, Ferrol ou Santiago.
Entre outros textos de interese, o especial inclúe unha entrevista con Ramón Chao e sinaturas convidadas de Fermín Bouza, Antón Baamonde, Xavier Puente, Paco Martín, Alfonso Blanco, Chema Felpeto, Xosé Manuel Pacho ou María Xosé Lamas.