Nintendo amosou diversas novidades para 3DS e Wii U nun novo Nintendo Direct

mércores, 7 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Satoru Shibata anunciou novidades de Nintendo para Europa

Esta tarde, os máximos responsables de Nintendo a nivel mundial e europeo respectivamente, Satoru Iwata e Satoru Shibata, participaron nun Nintendo Direct para dar a coñecer algunhas novas para as súas consolas de videoxogos nos vindeiros meses, entre as que quixeron destacar a nova aplicación de balde Plaza Animal Crossing para Wii U, que será un novo punto de encontro para os seareiros de Animal Crossing.
Un dos pratos fortes do evento foi un vídeo no que puidemos ver o xogo Sonic Lost World, que achegará ao personaxe de SEGA un tratamento moi semellante ao que se lle deu ao fontaneiro de Nintendo en Super Mario Galaxy, nun título que en Wii U promete ser realmente impresionante, aínda que tamén contará cunha digna versión para Nintendo 3DS. Estes xogos poranse á venda o 18 de outubro.

Rayman e Globox poderán vestirse dos irmáns Mario en Rayman Legends para Wii U

O adiado Rayman Legends tamén puxo os dentes longos aos moitos que están a agardar por este título que veremos nas tendas e na Nintendo eShop o 29 de agosto, data na que os propietarios dunha Wii U poderán comprobar se este título é tan bo como promete (e que, finalmente, non será exclusivo para tal consola, senón que tamén terá versións para PS3, PS Vita, Xbox 360 e Windows). Como curiosidade, anunciaron que o xogo poderá facer uso de skins para que Rayman apareza vestido de Mario e Globox de Luigi.
Iwata tamén amosou novo material do xogo The Legend of Zelda: A Link Between Worlds, unha secuela de A Link to the Past que asombrará aos usuarios da Nintendo 3DS a partir do mes de novembro, mentres que os usuarios da Wii U poderán gozar de The Legend of Zelda: The Wind Waker HD a partir do 4 de outubro.
Dentro da celebración do Ano de Luigi (o irmán de Mario ten xa 30 anos) Satoru Iwata amosou imaxes de Luigi dentro do xogo Super Smash Bros. para Wii U.
Pola súa banda, Satoru Shibata permitiu botar un ollo ao futuro Pokémon Rumble U, que estrearase o 15 de agosto na eShop e permitirá enfrontar ata a máis dun cento de Pokémon en pantalla á vez, con modos de xogo individual e cooperativo para 4 xogadores; a eShop tamén recibirá no outono a aplicación KORG M01D, un sintetizador musical para a 3DS; outro título descargable para 3DS é o xogo de robots ambientado no Oeste Americano SteamWorld Dig que está dispoñible dende hoxe mesmo como o clásico Super Mario Bros. 2; adiantou as fechas europeas de lanzamento de varios xogos (Etrian Odyssey IV: Legends of the Titan para 3DS o 30 de agosto; Shin Megami Tensei: Devil Summoner: Soul Hackers para 3DS o 13 de setembro; e El profesor Layton y el legado de los ashalanti para 3DS o 8 de novembro) e, como colofón do Nintendo Direct, Shibata, peiteado coma o personaxe Phoenix Wright, confirmou que o xogo El profesor Layton vs. Phoenix Wright: Ace Attorney publicarase en Europa a primeiros de 2014.


Vídeo co Nintendo Direct de hoxe

PUBLICIDADE