NeCom acode ao Ibercom co seu estudo sobre carga emocional nos tweets electorais

venres, 31 de maio do 2013 Redacción

O XIII Congreso Internacional Ibercom baixo o título de Comunicación, Cultura e Esferas de Poder chega ao seu remate hoxe na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC (Universidade de Santiago de Compostela) e durante a segunda xornada -celebrada onte, día 30 de maio- celebráronse varias mesas temáticas, entre as que salientou a do grupo de investigación da Universidade viguesa NeCom. A devandita equipa que se agrupa en NeCom (Neurocomunicación, Publicidade e Política) levou a cabo un estudo no que se somete a análise a carga emocional das mensaxes electorais na rede social Twitter. Como conclusión deste experimento -e segundo verbas de Xosé Rúas, coordinador do grupo de investigación NeCom- deduciuse que os partidos nacionalistas e de esquerdas son os máis activos nesta plataforma mentres que a mocidade das formacións políticas emprega o seu discurso máis crítico en Twitter.
Asemade, Rúas tamén fixo fincapé en que todos os partidos políticos posúen unha conta en Twitter, e repasou as condutas de todos eles sendo Sociedad Civil e Democracia amais do BNG (Bloque Nacionalista Galego) os que transmiten unha meirande carga emocional negativa nos seus comentarios; e Unión, Progreso e Democracia máis o Partido Popular son os que salientan por empregar unha linguaxe máis inclusiva.
Os responsábeis desta investigación foron: Jesús Pérez Seoane, Iván Puentes, Alejandro García Caballero, María Isabel Míguez, Mercedes Fernández Cabana e María Teresa Alves coa finalidade de estudar o uso que os políticos fan das redes sociais dende un punto de vista puramente cuantitativo até a máis completa análise de contido. Engadir que a ferramenta empregada para levar a cabo este traballo foi o Lingüistic Inquiry and Word Count (LIWN), un software informático que conta as palabras que emprega unha persoa nun determinado texto ao tempo que as clasifica e as asocia cunha determinada sensación ou emoción. Emporiso, para levar a cabo este exame analizáronse todas as mensaxes publicadas durante o período de precampaña das últimas eleccións autonómicas de 2012 tanto no Twitter dos candidatos coma no das propias forzas políticas que participaron nestes comicios. Alén disto, tamén este ensaio avaliou o perfil de todos os candidatos, concluíndo que Xosé Manuel Beiras é o que máis pronomes emprega en primeira persoa do plural, introducindo menos palabras que indican certeza que o resto de candidatos, tendo unha linguaxe próxima ao seu público. No caso dos tweets de Alberto Núñez Feijóo, este salienta polo uso de negacións, palabras referidas a procesos sociais e de inclusión; non emprega palabras relativas ao diñeiro nin tentativas, sendo todo isto signo de inhibición e baixa espontaneidade.

PUBLICIDADE