NavalPlan, software libre galego para empresas con pedidos

venres, 11 de febreiro do 2011 Raquel Noya

A empresa Igalia, na súa teima por poñer as aplicacións en fontes abertas a disposición do empresariado da nosa Comunidade (calquera que sexa o seu sector produtivo), vén de presentar en Santiago de Compostela unha ferramenta que, entre outras cousas, facilita o labor de planificación e seguimento de calquera tipo de empresa que funcione por proxectos.
Trátase dunha aplicación web que leva por nome NavalPlan e que serve principalmente para que as empresas usuarias poidan mellorar a xestión da súa produción aforrando tempo e custes, sen perder produtividade e sobre todo, apostando polo emprego do software libre.
A ferramenta web baséase nos conceptos de visión xeral de empresa e multi-proxecto, asignación de criterios, etiquetado de tarefas, xestión e asignación de recursos, control de carga da empresa e integración externa, entre outras cousas.
A idea inicial do proxecto, segundo apuntan dende Igalia, "era resolver os problemas de planificación do sector naval galego (de aí o seu nome), porén a ferramenta desenvolveuse de xeito xenérico sendo válida para calquera tipo de empresa e sector". Resumindo moito, podería dicirse que é unha alternativa libre a Microsoft Project como OpenProj, GanttProject ou Planner; pero a diferencia destos, NavalPlan é unha aplicación web. A presentación tivo lugar o pasado mércores, 9 de febreiro, no Centro On compostelán, e nela participou a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL).

PUBLICIDADE