Nace Muller Activa, unha ferramenta de axuda en liña para as empresarias

martes, 22 de xullo do 2008 Raquel Noya

Son moitas as mulleres que, a día de hoxe, teñen que recorrer aos seus fillos e coñecidos para que lles axuden a conectarse á Rede ou para empregar o teléfono móbil e levar a cabo distintas xestións relacionadas cos seus negocios (en realidade, tamén son moitos os homes que se atopan co mesmo problema pero desta volta a nosa atención vai dirixida de xeito exclusivo cara a elas, por seren as protagonistas da ferramenta que presentamos). As novas tecnoloxías, que semellan aínda un atranco incluso para moitas empresarias que necesitan estar á última no eido da comunicación en liña e a interacción con outros usuarios, son unha das principais preocupacións do Instituto de Formación en Liña (IFO). Este, coa axuda daa fundación Bip-Bip, vén de pór en marcha un proxecto de formación virtual baseado na creación e emprego de contidos dixitais “multidispositivo”, adaptados a terminais móbiles, que ten como finalidade contribuir ó medre persoal e profesional das mulleres autónomas e con iniciativas laborais que deben conciliar a vida laboral e familiar (e non morrer no intento).
O proxecto, que está a ser financiado dentro do Plan Avanza do Ministerio de Industria, coñécese como Muller Activa e consiste na formación dunha comunidade virtual dirixida a mulleres empresariais que ten como principal obxectivo formar a todas aquelas persoas que queiran (ademais de fortalecer o seu negocio) aprender o emprego e manexo das novas tecnoloxías.
As usuarias de Muller Activa teñen á súa libre disposición todo tipo de información e formación específica para a súa ocupación e a posibilidade de acceder a distintos itinerarios formativos. Asemade, poden coñecer e empregar as novas tecnoloxías de primeira man e adaptalas ó tempo do que dispoñen para formarse ou botar man das súas posibilidades de comunicación e interacción con outras empresarias ou asociacións do seu interese.
Esta iniciativa está pensada, segundo vén de asegurar Cecilia Ríos, a responsable do proxecto, “para todas aquelas mulleres autónomas que estean dispostas a aprender e a perder o medo ás novas tecnoloxías”.
O servizo é totalmente de balde polo que nin o tempo nin os cartos son agora excusa para que as empresarias do noso país se poñan ao día en materia de novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TICs).

PUBLICIDADE