Nace Medra.gal, unha academia online en galego para facer medrar os negocios en Internet

venres, 22 de marzo do 2024 S. P.

A pasada semana lanzouse dende a Costa da Morte unha nova plataforma galega para axudarnos a avanzar en transformación dixital. Trátase de medra.gal, unha páxina web con formación en emprendemento, mercadotecnia e negocios dixitais na que participa Javier Boquete, emprendedor e dinamizador do rural afincado en Carnota.
Esta academia online en galego está dirixida a persoas que queiran lanzar un negocio en Internet ou desexen tirar máis proveito na Rede dun negocio xa creado. Medra.gal, segundo explicou Javier, “é unha solución creada por emprendedores e para emprendedores que está baseada en formación impartida por emprendedores galegos que comparten as súas aprendizaxes e experiencias con casos reais tanto de erros coma de acertos”.
“Non vas ser millonario grazas aos cursos online. Quen prometa iso estaría mentindo, porque non hai unha fórmula máxica para o éxito en Internet, xa que depende de moitos factores. O que si podemos asegurar é que en Medra podes aprender e sacar información de valor de todos os contidos publicados”, comentou Anxo Sánchez, o impulsor deste proxecto.
En Medra hai xa publicados seis cursos iniciais de contidos que van desde “os pasos estratéxicos imprescindíbeis para emprender ata conseguir vender en redes sociais ou crear unha primeira campaña publicitaria en liña”. As persoas que accedan á academia poderán tamén aprender a crear unha páxina web desde cero ou iniciarse no mundo do posicionamento en buscadores.
Entre os docentes que xa teñen cursos publicados atópase o carnotán de adopción Javier Boquete, mentor de mercadotecnia (marketing) en proxectos de emprendemento e dinamizador do rural e do entorno no que leva xa afincado uns anos. Logo dunha etapa da súa vida dando clase nun centro privado universitario, decidiu instalarse en Carnota, onde fundou a axencia de publicidade dixital Las Once y Cuarto, un proxecto especializado en crear nomes e marcas para todo tipo de emprendedores e pequenas e medianas empresas. Deste xeito, pon toda a súa experiencia e saber facer ao servizo dos usuarios de medra.gal.
Xunto a Boquete tamén están Saúl Vérez, consultor en SEO (posicionamento) e deseñador web; Bárbara G. Vilariño, consultora de comunicación; Ana Díaz, especializada na xestión de proxectos de mercadotecnia; e Anxo Sánchez, mentor de emprendedores especializado en proxectos dixitais.
Segundo indican, en Medra tamén “hai espazo para a conversa con diferentes referentes galegos” como por exemplo a asesora Estela Vázquez; Pablo Roca, de Juicer Márketing; Iván Expósito, de Dinahosting; Sara Torreiro, da Casa Grande de Xanceda; Manolo Rodríguez, de Desenredando La Red; ou a docente especializada en mercadotecnia Diana Peñas.
Cada mes publicarase un novo curso sobre un tema específico, unha conversa online cunha persoa referente e tamén está previsto que se celebre unha sesión de soporte para resolver dúbidas.
Dirixida a emprendedores en Internet, persoas autónomas e pemes
“Manter un negocio na Rede non é fácil”, indican, “por iso queremos facer moito fincapé en que non prometemos milagres, a xente debe saber que non hai un camiño rápido ao éxito, de xeito moi especial se os recursos cos que conta o proxecto son limitados. Pero é certo que a Rede ofrece moitas oportunidades para chegar ao público obxectivo, pero hai que saber como facelo”.
Medra.gal está orientada ás persoas que queren comezar a facer un camiño en Internet “e non saben como ou por onde facelo”, pero tamén “a esas persoas que intentan sacar un proxecto adiante e non están obtendo os resultados que desexan”.
Unha academia de pago por subscrición
Medra.gal funciona mediante unha subscrición na que o alumno ou alumna ten acceso a todos os contidos e recursos, desde os máis recentes aos máis antigos. Cursos, conversas, sesións de soporte, recursos para descarga, etc. Hai 3 plans dependendo da periodicidade do pago: mensual, trimestral ou anual. A academia non ten permanencia, “polo que o usuario pode darse de baixa cando queira”, sinalan dende o equipo responsábel de Medra.

PUBLICIDADE