Na Rede unha aplicación para iPhone e Android que permite un recoñecemento rápido da meninxite

mércores, 18 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

A Fundación Irene Megías contra a Meninxite (FIMM) está a presentar estes días, e con motivo do Día Mundial da Meninxite (o vindeiro 24 de abril), unha nova aplicación para iPhone e Android encamiñada a facilitar a detección dos síntomas da devandita enfermidade. A maiores, e tirando partido da tecnoloxía GPS do aparello, informa a Fundación, a aplicación amosa datos como a localización do hospital máis próximo e máis a ruta máis directa para accedermos a el. A ferramenta, de balde para usuarios e de libre descarga na Rede, foi desenvolvida pola empresa Delaware, en colaboración con Novartis Vaccines e La Caixa.
Por certo que tamén axuda a detectar a sepse, permite acceder á información de contacto da Fundación, consultar a actualidade da mesma a través das súas canles nas redes sociais (Facebook, Twitter, Tuenti e Youtube) así como a relativa aos patrocinadores e á empresa desenvolvedora.
Cómpre sinalar que a meninxite é a inflamación das membranas que rodean o cerebro e máis a médula espinal e a sepse é unha infección xeral que se produce cando o microorganismo pasa ao sangue. Tanto unha doenza como a outra son moi perigosas, afectando sobre todo a nenos menores de cinco anos, polo que é especialmente necesaria unha interpretación inmediata dos síntomas e o recoñecemento da enfermidade. Neste punto é onde entra en xogo a aplicación da Fundación e Delaware, encamiñada a achegar a máxima rapidez no tratamento, cousa vital se pensamos que o 75% dos casos fatais poderían evitar cun diagnóstico temperán, sinalan os responsables da ferramenta.