Mozilla rexeita que o Firefox reproduza de xeito nativo vídeo en H.264
luns, 25 de xaneiro do 2010
Nos últimos días tanto
Google coma Vimeo anunciaron a súa aposta pola tecnoloxía HTML5 para
librar as súas webs de vídeo dun reprodutor baseado en tecnoloxía Adobe Flash,
para permitir que os navegadores web moderno poidan facer uso do seu reprodutor
multimedia nativo para amosar vídeos comprimidos baixo o codec H.264, o que
está a topar cun atranco importante, posto que para acceder a este tipo de
vídeo hai que adquirir unha licenza de uso que non é compatible coa filosofía
de desenvolvemento da Fundación Mozilla, de xeito que o Firefox non será
compatible con esta nova tendencia.
O vicepresidente do departamento de enxeñería de Mozilla, Mike Shaver, explica
no seu blog que tanto
os custos de licenza do codec H.264 (que sería duns 5 millóns de dólares ao
ano) como a súa filosofía pechada (que choca cos principios que
defenden os desenvolvedores de código aberto) fainos rexeitar a reprodución
nativa de vídeos con este tipo de compresión, optando pola adopción de vídeos
Ogg Theora (cunha presenza na Internet totalmente irrelevante, aínda que
totalmente libre de patentes).
Aínda que a adopción do HTML5 sexa a longo prazo, este tipo de atranco por
parte de Mozilla podería supor un lastre para dicir adeus ao Flash coma
reprodutor de vídeo. Tamén é posible que o soporte do codec H.264 por parte de navegadores
coma o Google Chrome poida incrementar a súa popularidade, facendo perigar a
posición que actualmente ostenta o Firefox coma principal alternativa ao
Internet Explorer de Microsoft.