Movistar e Medialabs convidan a unha carreira virtual durante o Giro de Italia

luns, 11 de maio do 2015 Redacción

Tecnoloxía e ciclismo fan, a xuízo de Movistar, boa mestura. Deste convencemento xorde a súa proposta de carreira virtual nas redes sociais durante o Giro de Italia. A iniciativa consiste en convidar aos usuarios das comunidades 2.0 a formar parte do equipo ciclista virtual Movistar Social Team. O convite materializarase a través dun xogo desenvolvido pola axencia Medialabs. Quen participe correrá de xeito simultáneo (virtualmente) co equipo oficial as 21 etapas da competición italiana, “quilómetro a quilómetro grazas á súa propia actividade nas redes sociais”, sinala a operadora.
Sobre o funcionamento da proposta, o primeiro paso será rexistrármonos na plataforma yosoymovistarteam.com, dende a que nos subiremos á nosa “bici virtual” e tentaremos acadar os quilómetros precisos para completar a etapa do día. Isto farémolo publicando chíos e entradas diarias cunha mensaxe de apoio a equipo ciclista de Movistar engadindo a etiqueta #YoSoyMovistarTeam. Por cada mensaxe de apoio enviado, conseguiramos un quilómetro, podendo conseguir quilómetros adicionais convidando a amigos a xogar.
Medialabs construíu esta plataforma de xogo con tecnoloxía Responsive e empregou todas as canles de comunicación posíbeis para que os xogadores formen parte do equipo Movistar de forma virtual e en calquera lugar. En palabras da empresa, estamos perante “un exemplo de gamificación que se vai desenvolvendo polas accións dos propios usuarios que xogan en comunidade”.

PUBLICIDADE