Microsoft publica os seus resultados financeiros do segundo trimestre do ano

xoves, 19 de xullo do 2012 Marcus Fernández

Ballmer adiantando detalles do novo Office durante un evento que tivo lugar esta mesma semana

Microsoft anunciou hoxe que durante o segundo trimestre de 2012 conseguiu uns ingresos de 18.059 millóns de dólares, o que supón todo un record para tal período do ano, aínda que tamén rexistrou un resultado operativo de 192 millóns de dólares e unhas perdas por acción de 0,06 dólares. Este pequeno atranco parece ser un punto de inflexión que respondería a certos axustes contables e que poderían esquecerse rapidamente se atendemos ao feito de que, en palabras de Steve Ballmer, están ante “a tempada de lanzamentos máis excitante da historia de Microsoft”, pois durante os vindeiros meses van lanzar novas versións de Windows, Office, Windows Server, Windows Phone e moitos outros produtos e servizos.
Se deixamos a un lado a anécdota do resultado negativo trimestral teriamos que Microsoft conseguiu rematar o ano fiscal cuns 73.723 millóns de dólares de ingresos, 21.763 millóns de dólares como resultado operativo positivo e un incremento por acción de 2 dólares. Un bo ano para Microsoft que promete mellorar no exercicio seguinte.

PUBLICIDADE