Microsoft anuncia os discretos Xogos con Gold do mes de maio

martes, 26 de abril do 2016 Marcus Fernández

Tras un mes de abril de auténtico infarto, incluíndo 4 xogos AAA na selección de Games with Gold, Microsoft soltou o acelerador e anuncia un mes de maio moito máis discreto, con xogos practicamente insignificantes, coa excepción de GRID 2 para Xbox 360, xa que este xogo que estará dispoñible durante a primeira metade do mes si é un recoñecido xogo de condución, mentres que na segunda quincena de maio o xogo que se ofrecerá será Peggle, un quebracabezas máis propio de dispositivos móbiles (de feito, está dispoñible por 0,99 euros para iPhone e para iPad). A principal vantaxe destes xogos para Xbox 360 é que son retrocompatibles con Xbox One, de xeito que poden gozar dos mesmos os posuidores da última consola doméstica de Microsoft.
Os xogos de maio para Xbox One si son realmente decepcionantes, xa que trátanse dun par de títulos independentes que podemos considerar auténticos descoñecidos para o grande público. Durante todo o mes será posible descargar Defense Grid 2, un tower defense desenvolvido por Hidden Path que ofrece moitos xeitos para superar cada nivel e conta con modos multi-xogador tanto cooperativos como competitivos.
A partires do 16 de maio o outro xogo dispoñible para Xbox One será Costume Quest 2, un xogo de Double Fine que pasou bastante desapercibido e que está protagonizado por uns cativos obsesionados polos doces durante a noite de Halloween. Trátase dunha aventura con toques de xogo de rol, que presenta uns gráficos moi básicos e que está considerado como unha curta distracción.

Vídeo promocional dos Games with Gold do mes de maio

PUBLICIDADE