Menus.es desenvolverá en formato virtual un encontro iberoamericano de gastronomía

luns, 25 de maio do 2015 Redacción

A empresa galega Menus, responsábel da plataforma Menus.es, presentou a semana pasada unha iniciativa para tender pontes (en liña) entre os profesionais da hostalería de ámbalas beiras do Atlántico. Trátase da primeira edición da Feira Iberoamericana de Gastronomía, FIBEGA 2015, un encontro que se desenvolverá en formato virtual durante os días 17, 18 e 19 de novembro deste ano. No acto de presentación do evento dixital participou o presidente da Academia Iberoamericana de Gastronomía, Rafael Ansón; o presidente adxunto, Nicolás Muela e a empresa organizadora Grupo Menus, dirixida polo empresario galego Roi Correa.
Durante a cita cos medios e cos profesionais do sector da hostalería e a gastronomía amosáronse os detalles e obxectivos do que cualificaron como “o primeiro gran encontro entre empresas relacionadas co ámbito da gastronomía nos países de Iberoamérica”. O acto foi retransmitido a través de streaming na páxina específica do evento, onde se pode volver visualizar en diferido. Por certo que a web tamén será o centro de actividade do encontro internacional que se vai desenvolver en novembro, reunindo nela mesma as diferentes casetas participantes e acubillando e amosando todo tipo de actividades. A feira, ademais, poderase visitar en calquera intre posterior á celebración oficial.
FIBEGA, fíxose saber, é un proxecto que pretende ser accesíbel a nivel global e “que suporá a primeira dunha serie de citas anuais nas que se reunirán os principais axentes representantes do sector gastronómico iberoamericano, como produtores, grandes marcas, adegas, institucións ou destinos gastronómicos entre outras moitas cousas”. Ademais os visitantes poderán acudir, de maneira virtual, a relatorios e demostracións dos chefs máis importantes de ámbalas beiras do Atlátnico que se ofrecerán en streaming desde a web.
Roi Correa será o encargado de dar forma a FIBEGA 2015. O acto de presentación tivo lugar no Hotel NH-Eurobuilding de Madrid e ao finalizar ofreceuse un cóctel aos asistentes, elaborado polo chef Luís Bartolomeu.
Como lembraremos, o Grupo Menus foi fundado en 2011 por Roi Correa. Trátase dun holding con capital na súa maioría galego, adicado aos sectores da comunicación, a gastronomía e as novas tecnoloxías.

PUBLICIDADE