Medran as vendas de móbiles intelixentes até nun 42%

martes, 15 de novembro do 2011 Redacción

Semella que o mercado dos móbiles medra en intelixencia. Con isto non queremos dicir que teñamos cada vez máis tino á hora de facernos cun novo dispositivo, aínda que pode que así sexa, senón que os teléfonos intelixentes incrementan con cada día que pasa a súa presenza, e, dentro deles, os que dan acubillo ao sistema Android. Segundo informa a consultora tecnolóxica Gartner e reflicte Axencia EFE, as vendas deste aparellos en xeral no mundo medraron nun 42% no terceiro trimestre do ano respecto ao mesmo período anterior, ou sexa que falamos xa de 112 millóns de trebellos, representado máis da cuarta parte das vendas totais destes dispositivos.
Como dixemos, o informe apunta a que son os móbiles intelixentes con sistema operativo libre Android acadan os mellores números, con 60,4 millóns mercados a nivel mundial e unha cota de mercado do 52,5%, o que representa o dobre do acadado hai exactamente un ano. En segundo lugar temos a Nokia co seu sistema Symbian, que baixou a súa cota dende o 36,3% ao 16,9%. Polo que atinxe a Apple, vendeu 17,2 millóns de móbiles intelixentes co seu propio sistema operativo, o que quere dicir que non obtivo resultados tan positivos, xa que experimentou unha redución de 1,6 puntos (até o 15%) na súa cota de mercado. Despois figuran os Blackberry, que acadaron unha cota do 11%, 4,4 puntos menos que hai un ano.

PUBLICIDADE