Medio cento de xuristas do eido lusófono debateron na UVigo os impactos da IA no Dereito

xoves, 25 de abril do 2024 S. P.

Algo máis de medio cento de xuristas hispano-brasileiros participaron esta semana na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo no III Foro Xurídico Brasileiro, unha cita que trouxo ao Campus de Vigo o debate arredor do impacto que a Intelixencia Artificial (IA) ten no Dereito. Chegados de diferentes universidades de Brasil, Portugal e da propia Universidade de Vigo o encontro conta cun extenso programa no que se afondou en temáticas tan variadas como variados son os impactos da IA no Dereito.
Protección de datos e desafíos do poder xudicial, novos retos para o dereito electoral, consecuencias para a liberdade de expresión e pensamento, propiedade industrial no mundo virtual ou novas perspectivas para o mundo do traballo son algún dos temas que se trataron ao longo deste luns e martes, 22 e 23 de abril.
“Con este encontro queremos crear un espazo multidisciplinar no ámbito xurídico para o intercambio das investigacións e experiencias profesionais relacionadas cos avances tecnolóxicos da sociedade da información e coa protección dos dereitos fundamentais”, explica a profesora María Hylma Alcaraz, xunto a Juan Antonio Hernández Corchete, Noemí Gestoso e María José Bravo Bosch, os catro docentes responsables na UVigo do comité organizador, equipo do que tamén forman parte outros tantos investigadores brasileiros pertencentes á Universidade Estadual de Santa Cruz, Universidade Federal de Bahía, Universidade do Estado de Bahía ou a Orde dos Avogados de Brasil.
A apertura do encontro, celebrada este luns 22, contou coa participación da profesora María José Bravo Bosch, en representación do equipo de goberno da Universidade de Vigo; o decano do centro, Francisco Torres; Gabriela Sousa Rego Pimentel, proreitora da Universidade do Estado de Bahía; Clodoaldo Silva da Anunciaçao, en representación da Universidade Estadual de Santa Cruz, e Juan Antonio Hernández Corchete, en nome do comité organizador.
“Esta actividade ten un valor adicional en termos de transferencia de coñecemento á sociedade e de colaboración con prestixiosas entidades profesionais, como a Asociación de Maxistrados de Bahía e a Asociación do Ministerio Público de Bahía, así como de outras entidades universitarias brasileiras e portuguesas”, explicou o profesor Hernández Corchete, quen fixo fincapé na importancia deste tipo de actividades no proceso de internacionalización da Universidade de Vigo.

PUBLICIDADE