Mar Pereira salienta no FITCE o potencial da Axenda 2014.gal
xoves 2 de setembro do 2010, por |
A
secretaria xeral de Modernización, Mar Pereira, foi a representante do Goberno
galego escollida para inaugurar esta mesma mañá en Santiago de Compostela a 49
edición do Congreso FITCE, que reúne na capital galega a 500 profesionais das
telecomunicacións procedentes de toda Europa.
Na súa
intervención, a titular da carteira tecnolóxica destacou o labor que está a desenvolver
a Xunta a través da Axenda Dixital 2014.gal, unha ferramenta que, segundo
lembrou, “foi creada para xerar emprego e
riqueza, construír unha administración máis eficiente e cercana, capacitar aos
cidadáns para o mercado global e dotar á Comunidade de infraestruturas de
telecomunicacións modernas e sostibles”.
Este
simposio europeo, que se está a celebrar no Pazo de Congresos de Santiago ata o
vindeiro día 4 de setembro, permitiulle á secretaria xeral loubar os
compromisos recollidos na Axenda Dixital de Galicia e neste senso apuntou que o
seu esforzo está agora en “aproveitar as
oportunidades que trae consigo a nova era dixital e asumir o reto de converxer
con Europa no 2020”.
A responsable de
Innovación Tecnolóxica da Xunta, destacou, asemade, que a creación desta
Axenda, plenamente aliñada coa Axenda Dixital Europea, “pon de manifesto que malia que o Camiño de Santiago constitúe o
primeiro nexo de unión entre Galicia e Europa, os seus vínculos non se limitan
a esta ruta de peregrinación. A través das súas correspondentes Axendas
Dixitais, as dúas asumen o compromiso de lograr un crecemento intelixente,
sustentable e integrador que permita obter altos niveis de emprego, de
produtividade e de cohesión social. “
Nesta nova edición
de FITCE, organizada pola Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de
Galicia (AETG), co respaldo da Asociación Española de Ingenieros de
Telecomunicación (AEIT), debaterase durante 4 días sobre o estado e os
proxectos de futuro das infraestruturas de telecomunicacións na Unión Europea
baixo o lema O camiño de Santiago e as telecomunicacións europeas.
Un total de 500
profesionais das telecomunicacións de toda Europa participarán ata o vindeiro
día 4 neste simposio internacional no que se desenvolverán once presentacións
orais, catro sesións de posters e dúas mesas redondas (integradas polos
principais fabricantes e operadores de telecomunicacións do país).
Os relatores convidados
analizarán o campo dos servizos e aplicacións TIC, afondando na nova era
tecnolóxica e nas aplicacións avanzadas que permitirán acceder a infraestruturas
intelixentes. Así mesmo, abordarán a aplicación da fórmula I+D á configuración
de Internet, á vez que exporán os retos aos que se enfrontarán os reguladores
das telecomunicacións ao vivir inmersos na sociedade da información.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com

















