Mar Pereira destaca o eComercio como canle para revalorizar as PEME galegas

martes, 7 de febreiro do 2012 Raquel Noya

Telefónica España convocou hoxe no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela aos responsables das empresas galegas máis destacadas do sector tecnolóxico, onde participaron activamente na xornada TIC e Social Media: claves para a competitividade.
O encontro tiña como obxectivo afondar en como as TIC e os social media están a contribuír á mellora da competitividade das nosas empresas e doulle cita, entre outras personalidades, ó presidente do Círculo de Empresarios de Galicia, Marcelino Otero, e á secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta, Mar Pereira, encargada de inaugurar o evento.
Na súa intervención, Mar Pereira recordou que malia que o 98% das empresas galegas dispoñen de conexión a Internet e preto dun 65% teñen web propia, “aínda existe unha importante fenda dixital entre as PEME e as microempresas da Comunidade no que se refire a presenza na Rede”, pois no caso das empresas de menos de 10 empregados, só o 27,4% delas contan con páxina web de seu.
Para a secretaria xeral estes resultados reflicten que “aínda queda camiño por recorrer no proceso de dixitalización das PEME” e o comercio electrónico é una das bazas que a titular de innovación tecnolóxica apuntou para mellorar a situación das nosas empresas no mercado mundial.
Por outra banda, Mar Pereira fixo fincapé na importancia que cobraron as redes sociais na estratexia empresarial de calquera empresa “en canto establecen unha nova forma de darse a coñecer e de relacionarse co mundo”. Neste senso, a titular de Modernización evidenciou a súa vontade de darlle prioridade ás relación da Administración coa cidadanía e empresas a través destas ferramentas e servizos propios da web 2.0, que en decembro do 2011 xa sumaban un total de 96 canles interactivas.
Os datos extraídos da 12ª edición do Informe anual sobre a Sociedade da Información en España 2011, confirman, no que respecta a Galicia, o aportado pola Secretaría de Modernización, e engaden que no ano 2010, o 16,9% das compañías que teñen presenza na Rede, realizaron ventas a través de comercio electrónico, experimentando un crecemento de 7 puntos porcentuais respecto a 2009.
O informe destaca asemade que o sector TIC ten “especial relevancia” no tecido empresarial galego pois a nosa imponse como a sétima Comunidade Autónoma con maior número de empresas neste campo, cun un total de 1.767.
O acto foi transmitido en directo vía streaming a través da web de telefónica, e a través de Twitter co hashtag: #ticsgal, polo que pudo ser seguido en directo dende calquera lugar do mundo.

PUBLICIDADE