MPDC critica que as autoridades faciliten material das cámaras de vixilancia para logo aparecer pendurado na Rede

xoves, 15 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

O Movemento Polos Dereitos Civís vén de poñer unha vez máis en entredito o costume dalgunhas administracións de facilitarlles ós medios informativos e sen ningún tipo de reparo nin respecto material gravado a través das cámaras de videovixilancia habilitadas por esas mesmas institucións (cámaras xa de por si abondo cuestionables). Un exemplo diso, sinala MPDC, é o que vén de facer o Concello de Madrid cun vídeo no que se recolle un accidente de tráfico, vídeo que xa se puído ver libremente en Internet.
Isto, engade a plataforma, vai en contra da cidadanía e os seus dereitos, como tamén foi en contra do dereito á intimidade das persoas a actitude recente da Policía de Ribeira, que achegou ós medios imaxes de dúas persoas que mantiñan unha liorta.
Para Renato Núñez, membro do Movemento, “se as cámaras non valen nunca para o que serven en teoría –en Compostela, onde hai unhas cantas en situación legal irregular, aínda non resolveron un só suposto delitivo- e constantemente se utilizan para o que non están previstas, como se explica que cada vez se aposte máis por elas?” Ó seu xuízo, estase a facer espectáculo cunhas medidas de seguranza xa de por si abertamente criticables.