LibreCon xuntará en Santiago 1.500 profesionais e 60 empresas do eido do software libre

xoves, 25 de xuño do 2015 Fernando Sarasketa

A Asociación Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL), a Federación Nacional de Empresas de Software Libre (ASOLIF) e o Clúster TIC Galicia van organizar os días 29 e 30 de outubro a edición 2015 de LibreCon, a Conferencia sobre Tecnoloxías Abertas e Negocio. O congreso, que conta co apoio da Xunta (a través de AMTEGA), será sen dúbida un dos grandes eventos TIC do outono, xa non só do ámbito galego senón tamén estatal e mesmo europeo. O seu obxectivo, sinalan as entidades organizadoras, é axudar a crear negocio e emprego en todos os sectores sociais a través das tecnoloxías libres e a innovación. Este ano a previsión é a de ir alén do medio milleiro de xuntanzas de negocio celebradas na edición 2014. A audiencia esperada este ano é de 1.500 profesionais e 600 empresas.
Por temáticas, LibreCon 2015 xirará arredor da electrónica de consumo, o motor (sistemas de lecer, o vehículo conectado), a Internet das Cousas e a educación dixital, todo dende a óptica do software libre. Tamén se fará fincapé na ampla marxe de recursos que fornece a programación aberta no eido do comercio electrónico e a mercadotecnia. O evento celebrarase na Cidade da Cultura de Santiago.
Como lembraremos, LibreCon é un evento de nivel mundial que xunta expertos de distintos ámbitos e organizacións internacionais. En entregas anteriores, contou coa presenza de Bruce Perens, co-fundador da Open Source Initiative (OSI), Jeremy Allison, da área de Open Source de Google, Jesús Ruiz, director de Innovación Aberta de Banco Santander, Peter Hofmann, responsable do proxecto LiMux do Concello de Múnic, Timur Pulathaneli, enxeñeiro de desenvolvemento en Ford ou Jim Whitehurst, presidente de Red Hat.
Este ano, entre as organizacións que xa confirmaron a súa participación activa amosando o potencial das súas tecnoloxías abertas atópase Canonical, a compañía que se atopa detrás de Ubuntu, un dos grandes sistemas operativos libres e un dos meirande proxección futura.
“LibreCon”, sinalan os organizadores, “é un foro único para coñecer algúns dos casos de éxito de negocios e tecnoloxías abertas máis relevantes do panorama internacional”. Segundo comenta Xavier Castaño, presidente de AGASOL, “a conferencia tamén é un punto de encontro de networking no que se fomentan o tecido empresarial, os investimentos e o emprego”. Ademais, sinala, “será un evento no que teremos a oportunidade de xerar negocio con algunhas das principais compañías e entidades de Europa”.
As diversas conferencias, mesas redondas e presentacións de proxectos artellaranse en itinerarios centrados na difusión de coñecemento práctico aplicado de solucións abertas, a través de casos de éxito reais no ámbito público e privado en cada un dos eixos temáticos. Na zona de obradoiros e demostracións de produto presentaranse solucións abertas cun enfoque “eminentemente práctico”, polo que estarán dirixidos cara a perfís máis técnicos cun alto poder de decisión nos departamentos de IT de diferentes organizacións.
Para AGASOL, está claro que Santiago de Compostela, grazas a LibreCon, “converterase durante dous días no centro dos negocios, o emprego e as tecnoloxías abertas a escala internacional, e máis nunha cita obrigada para a industria tecnolóxica, coa presenza de directivos de todos os niveis, responsables técnicos, traballadores do sector e axentes públicos e privados tractores de innovación, coñecemento, emprego e negocio que queiran coñecer o último en solucións baseadas en tecnoloxías libres”.