Libon anuncia Reach Me, servizo para gozarmos de chamadas de calidade dende Wi-Fi

mércores, 4 de marzo do 2015 Redacción

Os responsábeis da aplicación Libon presentaron no Mobile World Congress en Barcelona unha tecnoloxía que permite facer chamadas nas mellores condicións posíbeis a través de Wi-Fi e co obxectivo de complementar a cobertura móbil. O servizo, que aínda non está dispoñíbel (chegará a finais deste mes ou en abril), chámase Reach Me, e como é de supoñer constitúe unha especie de salvavidas para que eses intres en que queremos contactar con alguén vía móbil e a rede está caída ou non chega para dar bo servizo. Iso si, Reach Me bota man do Wi-Fi en troques do GSM. Libon estará accesíbel nun primeiro intre para os usuarios de Android.
Segundo apunta a empresa responsábel, a razón de ser desta tecnoloxía está nas propias demandas dos usuarios de Libon, que desexaban poder realizar e recibir chamadas a través do seu móbil mesmo cando están sen cobertura. “Reach Me”, sinalan fontes de Libon, “é a resposta a esta necesidade, utilizando a rede Wi-Fi para ofrecer ao usuario unha experiencia de voz excepcional, e a través do propio número de teléfono dos clientes”.
Reach Me, por certo, únese a unha listaxe de opcións de comunicación avanzadas dispoñíbeis para os usuarios de Libon que inclúe saúdos personalizados con mensaxes de voz para cada contacto ou grupos, chamadas gratis de alta calidade entre os usuarios de Libon, mensaxería instantánea e packs de minutos a prezos económicos para chamar a destinos nacionais e internacionais.
Lembrar que Libon é unha aplicación de comunicación gratis de Orange e está dispoñible para iOS e Android en todo o mundo. Funciona como unha aplicación Telco-Over-the-Top (OTT), ou sexa sque o servizo funciona con independencia da rede móbil que o usuario ten activada.

PUBLICIDADE