Laboralia centra a súa nova edición nas ligazóns entre TIC e emprego

martes, 10 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

Esta semana, dende onte, estase a celebrar na Coruña o salón de emprego Laboralia 2018, organizado polo consello social da Universidade da Coruña e coa sede de Afundación como centro de operacións (ata esta sexta feira, venres 13). Este ano, incluíuse unha importante novidade que nos colle de preto aos integrantes da “comunidade” Código Cero: a inclusión dun programa especialmente centrado na relación entre as novas tecnoloxías dixitais e o emprego. Esta edición de Laboralia, polo tanto, está a ser un evento especialmente acaido para toda persoa (empresarias/os, emprendedoras/es, profesionais, estudantes, tituladas/os) que queira facer sondaxes de por que vieiros tecnolóxicos vai discorrer o mercado de emprego.
O programa desta convocatoria inclúe obradoiros e unha xornada formativa na que se celebrarán conferencias e mesas redondas. Os relatores dos obradoiros son Yaiza Rubio, primeira muller hacker de España en participar en Def Con & Black Hat en Las Vegas; Álvaro Núñez, máster en Seguridade Informática e membro de Telefónica Dixital España e de Hackers Club Academy; Ángel Hernández, experto en Intelixencia Artificial e desenvolvemento e adestramento de chatbots; Félix Brezo, analista de intelixencia en Eleven Paths; Pablo González, hacker e responsable de negocio tecnolóxico en Telefónica Digital España e Ignacio Villoch, construtor de ecosistemas de innovación aberta en BBVA.
A xornada formativa, prevista para o día 13 de abril, contará coa presenza de relatores relacionados co ámbito universitario e con Juan Antonio Rosell, director de Talento e Transformación de Everis.