Kirby estreará videoxogo para Wii a semana que vén

mércores, 16 de febreiro do 2011 Marcus Fernández

En outubro o carismático Kirby, personaxe nacido na Game Boy e que foi pasando polas sucesivas consolas de Nintendo saltando plataformas e inhalando aos seus inimigos para copiar os seus ataques, estreou no Xapón e en EE.UU. o xogo Kirby’s Epic Yarn, pero en vista de que en Europa tería que coincidir nas tendas con Donkey Kong Country Returns, decidiron demorar o seu lanzamento ata o vindeiro día 25, cando Kirby en el Reino de los Hilos pasará a ser unha realidade da que podemos ver un adianto na páxina web oficial que estrea hoxe.
Esta nova entrega das aventuras de Kirby muda drasticamente en aparencia, pois está ambientado nun mundo no que todo está feito de telas, tendo que facer uso do poder do fío para poder explorar esta terra. Estamos ante un xogo para 1 ou 2 xogadores que poderiamos considerar apto para toda a familia, e que conta cunha xogabilidade clásica que é toda unha garantía de éxito.


Trailer do novo xogo de Kirby

PUBLICIDADE