Kedapp: nova aplicación de balde para organizarmos e atoparmos kedadas
venres, 14 de decembro do 2012
Cada vez fálase máis, de xeito
completamente normalizado, de festas, xantares ou ceas 2.0. De moitas
delas fálase así á lixeira, porque soa a moderno, pero outras
constitúen realmente xuntanzas xeradas e preparadas, a tódolos
niveis, dende as redes sociais. Até o de agora estes encontros (o
que se coñece como kedadas) collían en corpo en servizos
máis ou menos xenéricos, pero dun tempo a esta parte ábrense
camiño as ferramentas específicas para organizar, xestionar e
atopar este tipo de citas colectivas. Unha das máis específicas de
entre as específicas é Kedapp,
un servizo cun nome moi atinado porque sinala ás claras, xuntando
termos, cales son os obxectivos.
Estes son, para quen non se decate, os
seguintes: pór en xogo unha aplicación para quedarmos cos amigos e
para organizar kedadas na nosa área de influencia. Trátase,
máis polo miúdo, dun recurso para Android (dispoñíbel a curto
prazo para iPhone e iPad), xa descargábel de balde dende o Market
de Google Play, e que inclúe, entre as principais
funcionalidades, un servizo de xeolocalización para atopar xuntanzas
na nosa contorna en función dos nosos gustos, tendencias, intereses,
e todo amosado nun mapa coas diferentes citas abertas e información
das mesmas (situación exacta, data, duración, etc). Para comezar a
usar esta aplicación, temos que rexistrarnos co noso nome e conta de
correo, sexo, idade e (opcional, pero recomendábel) foto e
intereses. “Unha vez dentro”, sinalan os responsábeis
deste desenvolvemento, “poderemos ver as kedadas activas máis
próximas ao sitio no que atopemos en formato listaxe ou mapa, así
como aquelas nas que esteamos inscritos”. A maiores, poderemos
organizar xuntanzas “dun xeito sinxelo elixindo o lugar, tipo e
radio de acción a onde queremos que cheguen”.