José Tomé presenta Inventrip e Lugo 360 nunha feira FITUR ateigada de expertos en turismo

xoves, 23 de xaneiro do 2020 Redacción

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto á deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presentou este xoves 23 en FITUR a campaña turística Lugo, ¡ven! destinada a mostrar globalmente os moitos atractivos dos concellos da provincia ao tempo que aposta polo turismo sustentábel, innovador e excelente. No acto, Tomé Roca e García Porto tamén deron a coñecer dúas novas aplicacións para dispositivos móbiles que teñen como finalidade difundir a riqueza de Lugo e mellorar a experiencia do visitante.
A presentación, que se desenvolveu nun stand de Galicia ateigado de xente (principalmente blogueiros e xornalistas especializados no sector turístico), estivo conducida polo meteorólogo lucense Martín Barreiro, embaixador da provincia para o desenvolvemento de accións de promoción e consolidación da marca turística Lugo Cambia. Tamén participaron as alcaldesas de Lugo, Lara Méndez, e Viveiro, María Loureiro, e a primeira tenente de alcalde de Monforte de Lemos, Gloria Prada.
Segundo fixo saber o presidente, as iniciativas turísticas que está a presentar Lugo en FITUR veñen todas elas marcadas polo innovador: “O viaxeiro de hoxe é cada vez máis dixital e organiza o seu tempo libre a través do seu móbil, tableta ou ordenador”, subliñou, antes de presentar as aplicacións Inventrip e Lugo 360.
José Tomé explicou que a app gratuíta Inventrip inclúe información sobre uns 2.500 puntos de interese, entre elementos do patrimonio cultural e natural, rutas, artesáns, bodegas, empresas de turismo activo, restaurantes e establecementos turísticos. “Un conxunto de información que lle permite ao visitante trazar unha ruta para chegar aos lugares que máis lle interesan ou poder descubrir os recursos que están máis preto da súa posición”, dixo.
A outra ferramenta tecnolóxica que o presidente presentou en FITUR foi Lugo 360, unha aplicación tamén de balde, que a través da Realidade Aumentada permitirá facer unha viaxe a 25 localizacións da provincia a través de calquera dispositivo móbil. A ferramenta, unha app inmersiva, “abre unha xanela virtual que permitirá ao usuario facer unha visita a calquera dos catro xeodestinos da provincia de Lugo (Ancares-Courel, A Mariña, Lugo-Terra Chá e Ribeira Sacra), co fin de motivalo a que faga unha visita real”, explicou, engadindo que Lugo 360 e Inventrip son “dúas maneiras de acompañar aos nosos visitantes a través do seu móbil sen condicionalos, deixando que eles mesmos teñan o control sobre a súa viaxe e que esa viaxe lles achegue a realidade máis natural da provincia de Lugo”.

PUBLICIDADE