José Sendín (Sistemius) achegará na Proa un obradoiro sobre emprendemento e esixencias legais

xoves, 2 de febreiro do 2023 Lucía Villaverde

O Espazo de Cowoking A Proa, no Milladoiro, organiza para o vindeiro xoves 16 de febreiro o taller Mínima legal viable, que versa sobre as esixencias legais coas que deben cumprir as persoas emprendedoras. Será ás 12:00 horas e a entrada é de balde, os interesados en asistir poden inscribirse premendo na ligazón habilitada polo Concello.
O evento correrá a cargo de José Sendín Rodríguez, avogado de Sistemius, un bufete especializado no dereito das novas tecnoloxías. Sendín adicou a súa carreira profesional ao asesoramento legal ás empresas con base tecnolóxica, sempre co obxectivo de facer máis comprensíbel o sistema legal.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explica que “o novo obradoiro pode ser de gran interese para os emprendedores e para todas as persoas que aspiren a selo”.
A Proa é un espazo de traballo colaborativo que ten como obxectivo ampliar os servizos de apoio a iniciativas emprendedoras, proxectos empresariais ou iniciativas de autoemprego. A instalación está pensada para que persoas autónomas e emprendedoras compartan espazos, fomentando a economía social e colaborativa e o espírito de comunidade.
O local está ubicado na entrada do parque empresarial do Milladoiro (Rúa das Hedras, 2), e conta con 400 m2, tres salas de xuntas, aulas de formación e eventos, zonas de recepción, reprografía, descanso, aseos e un vestíbulo. A Proa pertence á Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación da Coruña.

PUBLICIDADE