Investigadores da UVigo traballan nun innovador sistema para garantir procesados de datos seguros de xeito incondicional
mércores, 27 de novembro do 2013

- O investigador de AtlanTIC e da Universidade de Vigo, Marcos Curty
A seguridade nos
diferentes chanzos de tratamento da información segue a ser en certa
maneira unha materia pendente. Con todo, os nosos investigadores
semellan terlle declarado a guerra a estes retallos soltos. A
máis recente destas frontes abertas chéganos dende a Universidade
de Vigo, onde un equipo liderado por Marcos Curty (membro de
AtlanTIC
e investigador do grupo de Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas
da Universidade de Vigo) xuntou forzas con expertos en tecnoloxías
chineses e da Universidade de Sevilla para dar forma a recursos que
garantan un procesamento da información “incondicionalmente
seguro”. Ou sexa, para facer que os datos que devezamos por
protexer estean protexidos si ou si.
Isto é o que se coñece
como protocolo de compromiso de bit: a toma de decisións garantindo
que ninguén (absolutamente ninguén) poida mudalas logo. A idea do
devandito proxecto internacional no que traballa a Universidade de
Vigo é dar un chimpo cara a adiante neste materia: achegarlle os
alicerces firmes que precisa. A través desta iniciativa, os
investigadores implicados demostraron por primeira vez que a
combinación da mecánica cuántica e da teoría da relatividade
permite resolver de xeito “incondicionalmente seguro “este tipo
de problemas de comunicacións e procesado de información “que se
pensaban imposibles ata o de agora”, sinala a Universidade de
Vigo.
O equipo internacional
(o grupo de Curty e investigadores sevillanos e máis da University
of Science and Technology of China Qiang Zhang e Jian-Wei Pan e do
Shandong Institute of Quantum Science and Technology) empregou algo
máis de medio ano en realizar e avaliar os resultados do
experimento. En palabras de Curty, estamos ante a constatación do
importante potencial da interacción entre mecánica cuántica e
teoría da relatividade á hora de garantir certas esixencias en
materia de coñecemento. “O noso traballo”, sinala, “amosa
tamén que estes protocolos de comunicacións cuántico-relativistas
son experimentalmente viables, e abre por completo un novo eido de
investigación que pode proporcionarnos novas aplicacións
prácticas”.
Segundo explica o
investigador, a iniciativa ten o seu xermolo na Universidade de
Estocolmo, onde coincidiu nunha estadía de investigación a finais
de 2012 co catedrático da Universidade de Sevilla Adán Cabello. O
experimento, engade a UVigo, “combina as dúas teorías físicas
que rexen o universo, a mecánica cuántica e a teoría da
relatividade, permitindo demostrar por primeira vez que a natureza
pode resolver problemas de comunicacións e procesado de información
ás que non lles tiña atopado resposta”. E engade: “Esta
combinación das dúas teorías chega onde non o fan nin a mecánica
clásica nin a mecánica cuántica de xeito illado, ao non permitiren
aplicar o compromiso bit de xeito incondicionalmente seguro”. Como
exemplo práctico da aplicación destes traballos, Curty ponnos en
situación: que faría un grupo de millonarios que desexase saber
quen é o que ten máis diñeiro pero ao mesmo tempo non quixera
canto diñeiro atesoura cada un deles? Este problema tería solución
empregando a denominada computación distribuída de xeito seguro,
“que permite calcular unha determina función que depende de certos
datos que están distribuídos en diversos ordenadores de xeito que
todos eles colaboren para obter o resultado da función pero ningún
deles poida acceder á información dos distintos ordenadores”.
Outros protocolos criptográficos que tamén poderían beneficiarse
da posibilidade de realizar o devandito compromiso bit de xeito
seguro son os denominados coin tossing, zero knowledge proofs ou
obvious transfer. Segundo explica Curty, o experimento no que
traballa “podería utilizarse para realizar todos estes protocolos
de xeito plenamente seguro, o que ata o de agora non era posible”.
