Ineo xunta o seu consello consultivo e tómalle o pulso ao sector TIC galego

venres, 22 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

A asociación Ineo, alianza empresarial galega de empresas TIC, xuntou hoxe en Vigo ao seu órgano asesor, presidido por David Regades, delegado da Zona Franca de Vigo, para debater sobre as necesidades e inquietudes das tecnolóxicas galegas. A xuntanza do consello consultivo de Ineo celebrouse na sede da Zona Franca en Bouzas. O consello contou coa participación dos membros da xunta directiva de Ineo, encabezada polo seu presidente, Luis Sestelo, e de senlleiros representantes de diferentes eidos empresariais galegos e das tres nosas tres universidades. A cita serviu para facer unha reflexión sobre o estado actual do noso sector das novas tecnoloxías.
Na súa intervención, o delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, recolleu un dos temas que máis preocupan no tecido TIC galego, como é a retención do talento, manifestando que desde o Consorcio “imos facer unha aposta directa polo sector e pola súa competitividade e co fin de evitar que sigan marchando da nosa terra os profesionais formados nas universidades”. Ademais, comprometeuse con Ineo a traballar para “aumentar a capacidade das exportacións das empresas galegas TIC, que xa se incrementaron 10 puntos desde o ano 2008”.
Pola súa banda, Luis Sestelo, presidente de Ineo, comezou a súa intervención pondo en valor o traballo da asociación que representa, que “naceu cando apenas existía identidade propia do sector tecnolóxico e que axudou a definilo ao longo destes anos defendéndoo e promovéndoo”. Tamén manifestou a importancia de contar cun órgano como o consello consultivo que “reforza a estratexia de Ineo coa presenza de representantes de diferentes ámbitos socio-económicos de Galicia”.
Sestelo salientou igualmente a importancia de gañar en dimensión para poder competir no mercado internacional e mesmo como “forma de reter talento en Galicia”, así como a necesidade de acadar especialización e aumentar a colaboración empresarial entre as TIC galegas.
En canto ao papel das asociacións empresariais, o presidente destacou que “nelas o máis importante son sempre as empresas e que debemos evitar caer en personalismos”. Respecto disto, enxalzou a importancia do papel das asociacións como representantes “do ecosistema da realidade das empresas galegas”, aquelas “nas que a toma de decisións faise en Galicia”.
Á reunión desta mañá, que presidiu David Regades, tamén asistiron representantes das seguintes entidades e institucións autonómicas: a Confederación de Empresarios de Galicia, o Consello Galego de Cámaras, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña, a Universidade de Vigo, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, o Centro Tecnolóxico Gradiant, e as entidades financeiras Abanca e Banco Sabadell Galego.
O consello consultivo de Ineo é un órgano de carácter asesor que se reúne para realizar unha reflexión conxunta das necesidades do tecido tecnolóxico galego e das inquietudes que poidan ter outros sectores e a sociedade en xeral respecto ao mesmo. Este encontro tamén serve á entidade galega para trasladar asuntos de especial relevancia ás empresas e obter recomendacións sobre os mesmos.

PUBLICIDADE