Igualdade e UCGAL forman ás mulleres do rural en comercio e banca electrónica
luns, 30 de setembro do 2019
A
Xunta e a Unión de Consumidores
de Galicia (UCGAL) veñen de poñer en marcha unha iniciativa de
capacitación que busca derrubar os muros dixitais que separan as
cidades dos espazos non urbanos e, tamén, a poboación considerada
nativa dixital da que non o é. Estamos
a falar da Escola para o apoderamento de mulleres do rural:
comercio e banca electrónica, que se desenvolverá durante os
meses de setembro, outubro e novembro.
A
secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o secretario
xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López, visitaron
hoxe na Estrada un destes obradoiros, que contan cunha duración de
oito horas, repartidas en catro sesións de dúas horas cada unha. En
total, a iniciativa chegará a oito concellos. Ademais da Estrada,
programáronse sesións en Ordes, Monforte de Lemos, O Barco de
Valdeorras, Carballiño, Boiro, Monterroso e Moaña.
A
escola sobre comercio e banca electrónica é unha aposta pola
formación en novas tecnoloxías entre as mulleres do rural galego co
“fin de diminuír a fenda dixital, e por fomentar o apoderamento
financeiro e a autonomía económica nun contexto onde estas
transaccións de bens e servizos a través da rede están á orde do
día”, explican a UCGA e máis a Secretaría Xeral de Igualdade,
engadindo (nun plano máis concreto) que durante o obradoiro, as
participantes adquirirán coñecementos e habilidades relacionadas
coa banca e o comercio electrónico, coñecerán os seus dereitos
como persoas consumidoras, así como as ferramentas necesarias para
exercer estes dereitos.
