Gradiant e Energylab gañan o reto 4.0 de Cofrico en Galicia Open Future

martes, 11 de febreiro do 2020 Redacción

O desafío mandando pola empresa Cofrico ao abeiro do centro de crowdworking de Telefónica na nosa terra, Galicia Open Future, xa teñen gañadores. Trátase dos centros tecnolóxicos Gradiant e Energylab, cuxa proposta permitirá automatizar e simplificar o mantemento intelixente e preditivo dos sistemas de eficiencia enerxética devandita firma lucense de refrixeración e climatización. De feito, o desafío consistía en convidar ao sector galego (empresas, entidades, centros tecnolóxicos, etc) a achegar solucións para mellorar a interacción entre as plantas industriais de Cofrico, que ten sedes en Burela, Bergondo e O Porriño.
A proposta conxunta de Gradiant e Energylab foi seleccionada entre as 10 propostas finalistas para dotar a Cofrico dunha solución que optimizase o traballo conxunto das súas diferentes instalacións e avanzar no seu proceso de transformación dixital cara a Industria 4.0, facendo máis eficiente a análise dos datos xerados na súa planta de clientes, algo que segundo Gradiant resultaba “altamente complexo nestes momentos” dado que “o sistema aliméntase de distintas fontes de datos que proveñen de diferentes equipos instalados”.
Durante os próximos meses Gradiant e Energylab desenvolverán o piloto coa empresa lucense, contando co apoio da Axencia Galega de Innovación (GAIN). Ademais, participarán nun programa de aceleración integrado no ecosistema Open Future de Telefónica.
En palabras de Antía Fernández, codirectora de Sistemas Intelixentes en Gradiant, a solución achegada polos dous centros tecnolóxicos é un xeito de apostar pola convivencia entre sistemas antigos e novos: “Este proxecto é un exemplo da aplicación de capacidades de conectividade e intelixencia a PLCs e maquinaria pre-existentes, poñendo en xogo importantes compoñentes de sustentabilidade, análise automática e prescrición de accións para permitir máis eficiencia a Cofrico”. Segundo engade, “este proxecto supón un referente de innovación aberta, ademais da participación no programa Galicia Open Future, consolida unha colaboración entre os dous centros tecnolóxicos: Energylab e Gradiant”.
Cofrico expuxo o reto dentro do programa Galicia Open Future para converter a súa plataforma de Industria 4.0 (Cofriview365) nun software de mantemento intelixente, con ampla marxe para traballar en clave preditiva e con sistemas de Intelixencia Artificial que fagan evolucionar as súas funcionalidades, partindo do desafío que supón a dificultade na lectura e monitoraxe dos datos.
Gradiant incorporará ao proxecto tecnoloxías de análise de datos e Internet of the Things (IoT) para capturar e identificar os sinais descoñecidos que reciben os equipos de Cofrico, saber a que tipo de dispositivo están conectadas, coñecer a tipoloxía da sonda (presión, temperatura, etc.) e interpretar os valores que envían para automatizar a xestión dos datos. Pola súa banda, Energylab incorporará o seu coñecemento en enerxía para pór en valor e liquidar as necesidades de eficiencia enerxética que sofre Cofrico.
Coa súa participación na edición Retos Industria 4.0, Cofrico súmase ao grupo de grandes empresas galegas (formado por Pescanova, Finsa, Coren e CITIC Censa) que até o momento lanzaron retos dirixidos a emprendedores, startups, PEME e organismos de investigación de todo o mundo, a través do programa Galicia Open Future de Telefónica.

PUBLICIDADE