Gradiant analiza o futuro da Industria 4.0 no I Foro ÉGIDA

xoves, 22 de abril do 2021 S. P.

Luis Pérez Freire, director xeral do Centro Tecnolóxico Gradiant

Asimilar os cambios, retos e oportunidades que pon en xogo a Industria 4.0 con todos os elementos que a acompañan (Intelixencia Artificial, Big Data, algoritmos, interconectividade de sistemas e dispositivos) foi un dos grandes obxectivos dun evento online celebrado este 22 de abril no que participou activamente o Centro Tecnolóxico Gradiant, con sede en Vigo. Estamos a falar do I Foro ÉGIDA, organizado por Fidesol baixo o epígrafe O futuro da seguridade na Industria 4.0.
Fidesol é un dos catro centros de I+D que integran o consorcio creado hai un ano dentro do Programa Cervera para Centros Tecnolóxicos do Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI).
O consorcio, participado tamén por Gradiant, Ikerlan e Vicomtech, traballa en catro obxectivos centrados en tecnoloxías de criptografía aplicada para a protección da información confidencial, a identidade dixital, a privacidade para a prevención do fraude e a seguridade en técnicas disruptivas utilizando tecnoloxías como IoT (Internet das Cousas), Intelixencia Artificial ou blockchain.
“O ano da pandemia puxo de manifesto con especial relevancia a dependencia da nosa sociedade e da nosa economía das tecnoloxías e da conectividade, amais da necesidade de tomarnos moi en serie a privacidade e a seguridade da información, obxectivos nos que traballa precisamente ÉGIDA”, indicou durante a xornada Luis Pérez Freire, director xeral de Gradiant, centro galego que lidera o consorcio.
O I Foro ÉGIDA contou coa intervención do director do CDTI, Javier Ponce Martínez, quen avanzou que a próxima convocatoria do Programa Cervera terá o foco na xeración de ecosistemas entre pemes e redes de excelencia como ÉGIDA para facilitar a transferencia da tecnoloxía que se está investigando e desenvolvendo, “unha tecnoloxía que responde as necesidades reais da industria e do tecido empresarial”. A convocatoria, que está previsto lanzar despois do verán, “verase reforzada con financiamento adicional dos fondos europeos de reconstrución e prevé a contratación de doutores nas empresas que desenvolven estes proxectos”, indicou Ponce.
O foro tivo un apartado semipresencial, moderado polo director de Fidesol, Juan Manuel Lombardo, que contou con intervencións do catedrático de Intelixencia Artificial da Universidade de Granada Óscar Cordón, o director da ETSIIT e catedrático de Enxeñaría Telemática da Universidade de Granada, Pedro García Teodoro, e co responsábel de Infraestruturas de Axesor, Luis Márquez, en representación do tecido empresarial, destinatario principal das investigacións de ÉGIDA.
Os expertos de ÉGIDA compartiron durante o encontro, inaugurado polo presidente de Fidesol, Luis Joyanes, os avances dos Proxectos Faro, que validarán nas empresas o resultado das investigacións nas tecnoloxías vencelladas ás súas áreas de actividade e que teñen aplicación directa en ámbitos como as finanzas, a saúde, as administracións públicas e mesmo, os medios de comunicación.

PUBLICIDADE