Google deposita a súa confianza na Web 3.0 a lánzase a definila

xoves, 9 de agosto do 2007 Fernando Sarasketa

Segundo apuntan algúns expertos, nisto da tecnoloxía os fenómenos xorden e aséntanse antes de que teñamos realmente consciencia deles. Ou sexa, que seguimos a voltas coa Web 2.0 cando en realidade xa vivimos na 3.0, o que ocorre é que tardamos en afacer a vista ás novidades. É dicir: temos un aquel de retardo. Noutra beira do río sitúanse outro pau de especialistas, máis críticos con toda esta enleada das etiquetas e que defenden uns conceptos máis libres e xenéricos, o entrecruzamento de múltiples tendencias que se solapan unhas as outras sen substituírse. Nalgunha liña situada entre estes dous puntos vén de situarse Eric Schmidt, director executivo de Google, para quen a “2.0” non é máis ca unha estratexia global de marketing. Ou sexa: publicidade. É dicir: unha leria máis.


Vídeo no que se poden ver as declaracións de Schmidt

As opinións de Schmidt sobre a 2.0, que non deixan de sorprender por tratarse el dunha persoa que traballa dentro desa maquinaria dende a que se supón que procede ese marketing, acadan máis sentido se atendemos ó que sostivo estes días en Corea sobre a 3.0, que sería algo así como aquilo que Google quixo para a Rede e que ata o de agora non puído ser.
Schmidt deposita polo tanto as súas esperanzas nunha nova orde da Rede que, entre outras cousas, constituirá un conxunto de aplicacións que poderán traballar todas xuntas, serán relativamente pequenas, xestionarán datos que estarán “na nube”, poderán ser executadas en calquera dispositivo e distribuírse viralmente (redes sociais, cadeas de correos electrónicos). A xulgar polo que contou o director executivo de Google, a Web 3.0 afarase como unha luva ó que en definitiva son os intereses da súa compañía. Ou sexa: unha Rede que poña ó alcance da man dos internautas aplicacións e ferramentas que permitan habilitar programas e servizos executables sempre a través da Internet e empregando en todo momento os datos previamente organizados polas mans do xigante Google.