Google Reader actualiza a súa aplicación para Android

xoves, 17 de febreiro do 2011 Marcus Fernández

A aplicación de Google Reader para dispositivos con Android vén de estrear a versión (a 0.9.2) que facilita o acceso ao servizo de agregación de fluxos RSS de Google dende dispositivos móbiles, incorporando por primeira vez widgets, de xeito que no escritorio dos terminais con Android poden colocarse elementos dinámicos nos que figuren os elementos sen ler dun fluxo RSS, dunha etiqueta, dunha persoa ou en xeral (ocupando só espazo dunha icona) ou con recadros informativos nos que poder ler os titulares das novas ás que estamos subscritos, de xeito que ao pinchar sobre os mesmos poderemos acceder á nova completa.
Aparte dos widgets, a aplicación tamén ten melloras como a recuperación do botón que permite marcar as anteriores entradas coma lidas (útil para cando facermos un desprazamento vertical a grande velocidade), a sincronización automática dos fluxos máis lidos e algún cambio estético.

PUBLICIDADE